Esiximos no Parlamento que Red Eléctrica xustifique a necesidade da nova liña de Alta Tensión
O grupo do BNG presentou unha proposición non de lei para esixir que o Goberno galego reclame a Red Eléctrica Española toda a información que xustifique a necesidade do proxecto de subestación 400/220kV e liña de dobre circuíto de Alta Tensión entre Abegondo e Eirís que afectaría aos concellos de Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, Arteixo e a propia cidade da Coruña.
Abegondo, 18 de marzo de 2017. O grupo do BNG presentou unha proposición non de lei para esixir que o Goberno galego reclame a Red Eléctrica Española toda a información que xustifique a necesidade do proxecto de subestación 400/220kV e liña de dobre circuíto de Alta Tensión entre Abegondo e Eirís que afectaría aos concellos de Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, Arteixo e a propia cidade da Coruña.
“O anteproxecto xa pasou a fase de información previa aos concellos afectados e está causando bastante contestación social na comarca das Mariñas e na da Coruña”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas Cristina López, “esa nova subestación afectaría a unha área de entre 40.000 e 60.000 m2, onde habería unha entrada e a saída da liña de 400kV e a saída da liña de 220kV, a maiores do resto de instalacións a ceo aberto e un transformador e edificio de control”.
Dende o BNG pensamos que son necesarias aclaracións técnicas sobre a necesidade de construír esta nova liña, xa hai dúas liñas de 220 kV que atravesan as comarcas da Coruña e Betanzos
“Dende o BNG pensamos que son necesarias aclaracións técnicas sobre a necesidade de construír esta nova liña, xa hai dúas liñas de 220 kV que atravesan a comarca”, engadiu Cristina López. “Segundo a proposta do anteproxecto trataríase de dar unha meirande capacidade de consumo e seguridade de subministro en Eiris-Porto-A Grela, pero non temos os datos cos que Red Eléctrica Española xustifica esta obra. Descoñecemos tamén porque hai que construír unha nova subestación 400/220kV e consideramos imprescindíbel coñecer a situación da instalación actual no Mesón do Bento e se sería imposíbel instalar novas posicións nesta subestación”.
“Esta instalación de Alta Tensión non solucionaría os problemas de cortes de luz e falta de potencia que existen sobre todo nos concellos máis rurais das comarcas de Betanzos e A Coruña, senón que dirixiría a enerxía directamente ao centro da cidade da Coruña”, informou a voceira do BNG. “Gustaríanos saber tamén se esta nova instalación está pensada para facilitar a evacuación de enerxía eléctrica cara a fora do noso País”, concluíu a portavoz do BNG.