A CULTURA NON É, COMO NOS QUEREN VENDER DESDE O PP, APENAS UN GASTO EN ENTRETEMENTO, É UNHA FERRAMENTA FUNDAMENTAL PARA ENRIQUECER A NOSA VIDA E A NOSA PERSPECTIVA DO MUNDO, E A ISO PODEN CONTRIBUÍR TAMÉN CHARLAS FORMATIVAS, SOBRE SAÚDE, ORIENTACIÓN LABORAL, FORMACIÓN EN COIDADOS OU MELLORA DE HÁBITOS

Alertamos de que a falta de oferta cultural en Aranga condiciona as oportunidades da veciñanza

Carlos Díaz é o candidato do BNG á alcaldía de Aranga
Carlos Díaz é o candidato do BNG á alcaldía de Aranga

O goberno local non está aproveitando a grande oferta cultural proposta na Rede Cultural da Deputación e perde unha oportunidade máis de brindar servizos á veciñanza. É unha responsabilidade do goberno local de Aranga ampliar a oferta e a variedade dos espectáculos; a demanda cultural tamén se crea desde os departamentos de cultura dos concellos.

Alertamos de que a falta de oferta cultural en Aranga condiciona as oportunidades da veciñanza

Aranga, 28 de xaneiro de 2019. “A escaseza de ideas e o desinterese do goberno local lastra, tamén no ámbito da cultura, as posibilidades de desenvolvemento futuro de Aranga”. Así o asegurou o candidato nacionalista á alcaldía, Carlos Díaz, ao presentar as propostas de política cultural do seu partido para o concello.

Un servizo esencial e dereito irrenunciable

“A oferta cultural debe entenderse como un servizo máis, necesario para levar unha vida mellor, fixar poboación e contribuír á formación das novas xeracións. As eivas neste campo, como en tantos outros, contribúen a facer das persoas que habitamos no medio rural cidadáns e cidadás de segunda categoría, fronte a quen, desde a cidade, ten acceso a unha oferta moi superior e máis variada”, declarou o candidato á alcaldía do BNG Carlos Díaz.

Levar á cultura as aldeas de Aranga

Desde o grupo nacionalista propoñen a creación dun servizo municipal de biblioteca itinerante, que traslade un stock variado de libros para todas as idades, fomentando así a lectura entre os distintos sectores da poboación e contribuíndo ademais á posta en valor dos libros que hoxe se amorean nas axencias de lectura de Aranga e o Toxiño.

Desde o BNG denuncian a situación das axencias de lectura, cun fondo descuidado e sen actualizar e, no caso da de Ponte Aranga co teito danado e sen amañar. Nese sentido o BNG apuntou a necesidade de transformar estas axencias en auténticos centros culturais que cheguen a diversos públicos e actúen ademais como plataformas para a dinamización lectora e cultural. "Hai moitos xeitos de aproveitar estas instalacións, as bibliotecas hai tempo que deixaron de ser depósitos de libros para se transformar en centros que achegan servizos de Internet, préstamo de filmes e información do máis variado, actuando como auténticos espazos de alfabetización dixital. Pero o PP semella que non quere ver iso".

“Queremos levar a cultura ás aldeas, pero non só a que está nos libros ou máis espectáculos da Deputación; falamos tamén de conferencias ou charlas que poden achegar formación de utilidade para emprender un negocio, resolver problemas de calquera tipo ou mellorar as condicións de vida da veciñanza”, din desde o BNG.

“No BNG temos un modelo de xestión cultural completamente alternativo ao do PP. Cremos que é moi recomendábel dar, por un lado, cabida ao maior número de gustos e por outro lado, fomentar a participación da veciñanza, con propostas como a recollida de patrimonio inmaterial e a celebración de foliadas, a creación de grupos de teatro afeccionado ou a creación de locais de ensaio, … ideas que buscan recuperen a dimensión colectiva da cultura e que o PP nunca estivo interesado en fomentar”, conclúe Díaz.

“Vemos un goberno local acomodado, sen falta de ideas. É a todas luces evidente que a demanda en cultura hai que creala e as administracións teñen obriga de ofertar propostas e  espectáculos para todos os gustos”, critica Díaz.

Corrixir unha pobre xestión cultural

Os nacionalistas critican que en todo o ano pasado o goberno local trouxese apenas catro espectáculos ofrecidos pola Rede Cultural da Deputación, que son, lembra o BNG “variados e totalmente gratuítos para o noso Concello, con teatro, música, danza”.

Como botón de mostra desa falta de variedade, o responsable nacionalista tira de comparación co concello de Irixoa, tamén gobernado polo PP, que trouxo case o dobre de espectáculos o ano pasado.

“En Aranga, para colmo, non houbo moita variedade no tipo de actividade ofrecida: de catro espectáculos, tres foron concertos de corais e só foi un concerto para nenos e nenas, o que amosa o escaso interese por atender a diferentes públicos e ter cando menos unha mínima variedade dentro da escaseza”, concluíu Díaz.