O BNG demanda melloras na seguridade viaria en Coirós

Pablo Bugía: “É necesario instalar semáforos para controlar a velocidade dos vehículos e pasos de peóns para garantir que se poida cruzar a estrada co menor risco posíbel. Así mesmo haberá que facer unha boa delimitación das zonas de estacionamento á beira do concello de xeito que se facilite a visibilidade nas incorporacións”

O BNG demanda melloras na seguridade viaria en Coirós

Coirós, 15 de Abril de 2024.- O BNG de Coirós propón mellorar a seguridade na estrada N_VI ao seu paso polo núcleo de Coirós. “A seguridade viaria na estrada N_VI ao seu paso por Coirós é un tema que preocupa moito ás veciñas e veciños que todos os días deben circular por ela tanto a pe coma nos seus vehículos”, explicou o concelleiro do BNG, Pablo Bugía. 

“Foron moitas as ocasións nas que presentamos propostas e debatemos sobre o punto negro do cruce de Queirís e o tramo que discorre desde alí até Coirós polas deficiencias nas beiravías, entre outras cuestións”, engadiu o concelleiro do BNG.

Desde o BNG lembraron que xa no ano 2010 pediron que se tomaran medidas para garantir a seguranza das nenas e nenos da Escola Infantil de Coirós ao atoparse, naquel momento, a carón da estrada xeral. 

“O tramo Coirós - A Lapela é unha zona moi transitada por peóns ao atoparse alí a casa do Concello, o Edificio de Usos Múltiples, a gasolineira, a Igrexa e a farmacia. Ademais a incorporación á estrada xeral desde algunhas das vías locais ten problemas de visibilidade có conseguinte risco que iso representa”, afirmou o concelleiro.

O BNG levará de novo estas cuestións ao pleno para tentar acadar un apoio unánime na defensa da seguridade das persoas e vehículos que circulan polos tramos máis urbanos do municipio de Coirós. 

“É necesario instalar semáforos para controlar a velocidade dos vehículos e pasos de peóns para garantir que se poida cruzar a estrada co menor risco posíbel. Así mesmo haberá que facer unha boa delimitación das zonas de estacionamento á beira do concello de xeito que se facilite a visibilidade nas incorporacións”, concluíu.  

O BNG demanda melloras na seguridade viaria en Coirós