O BNG solicita bonificacións no IBI pola instalación de sistemas de autoconsumo eléctrico

Pura Ferreño: “Pedimos ao goberno que inicie os trámites e estudos necesarios para a modificación da ordenanza de Impostos e Bens Inmobles do noso concello para que se bonifique o 50% deste imposto”

O BNG solicita bonificacións no IBI pola instalación de sistemas de autoconsumo eléctrico

Coirós, 8 de abril de 2024.- O BNG de Coirós propón realizar un estudo para modificar a ordenanza de Impostos e Bens Inmobles (IBI) para bonificar ás vivendas unifamiliares, empresas e comunidades enerxéticas que realicen instalacións de sistemas de placas fotovoltaicas para autoconsumo.

“No contexto de emerxencia climática actual as administracións están na obriga de ser vangarda de accións e pasos cara á descarbonización e cara unha necesaria transición ecolóxica, dado que é urxente reducir as emisións de CO2 e outros gases nocivos e o abandono progresivo dos combustibles fósiles”, explica a voceira do BNG de Coirós, Pura Ferreño. 

“As instalacións fotovoltaicas para autoconsumo teñen moitos beneficios, por unha banda xeran enerxía limpa e diminúen a dependencia de combustibles fósiles. Por outra banda, reducen a factura ao reducir o consumo desde a rede eléctrica e permite a incorporación á mesma dos excedentes nos puntos de maior xeración eléctrica, excedentes polos que a persoa ou entidade produtora percibe unha compensación económica”, engadiu. 

“Mais a instalación deste tipo de sistemas de autoconsumo eléctrico, aínda que amortizable co paso dos anos, ten un importante custo económico inicial, un custo que, por desgraza, non é asumible para moitas familias”, detallou a portavoz nacionalista.

“Todas as administracións, dentro do seu marco de competencias, deben promover e facilitar ao conxunto da sociedade esta transición ecolóxica e pór en marcha accións e mecanismos que faciliten que cada vez haxa máis persoas e entidades apostando polo autoconsumo eléctrico”, indicou Ferreño. 

É por todo isto que “instamos ao goberno municipal de Coirós iniciar os trámites e estudos necesarios para a modificación da ordenanza de Impostos e Bens Inmobles do noso concello para que a partir do 1 de xaneiro do 2025 se bonifique o 50% deste imposto -durante os catro anos seguintes á súa posta en funcionamento- ás vivendas unifamiliares, empresas e comunidades enerxéticas que realicen instalacións de sistemas de placas fotovoltaicas para autoconsumo”, concluíu Pura Ferreño.

O BNG solicita bonificacións no IBI pola instalación de sistemas de autoconsumo eléctrico