O BNG priorizará o inicio da lexislatura no Parlamento a sanidade, o ensino, os servizos sociais e o saneamento e depuración na Ría de Betanzos

Mercedes Queixas: “Non imos defraudar ás persoas que apostaron polo BNG e imos traballar desde o primeiro día para mellorar as vidas das veciñas e veciños das Mariñas”

Na axenda do BNG tamén están outros temas como a posta en valor do noso patrimonio como o Parque do Pasatempo ou o Casco Histórico de Betanzos, os problemas dos sectores produtivos da comarca ou a necesidade de melloras no saneamento e de estudar a ampliación do polígono industrial de Bergondo

O BNG priorizará o inicio da lexislatura no Parlamento a sanidade, o ensino, os servizos sociais e o saneamento e depuración na Ría de Betanzos

Betanzos,  25 de marzo de 2024. O BNG impulsará diferentes iniciativas parlamentarias nas vindeiras semanas en relación con temas centrais da comarca das Mariñas como a defensa da sanidade pública e o ensino públicos, o saneamento e depuración na Ría de Betanzos e as infraestruturas en servizos sociais como un centro de día público ou unha residencia de maiores. 

Na axenda do BNG tamén están outros temas como a posta en valor do noso patrimonio como o Parque do Pasatempo ou o Casco Histórico de Betanzos, os problemas dos sectores produtivos da comarca, como a problemática da recollida de plásticos agrícolas, ou a necesidade de melloras no saneamento e de estudar a ampliación do polígono industrial de Bergondo. 

A deputada nacionalista Mercedes Queixas mantivo un encontro de traballo cos responsábeis, portavoces e grupos municipais dos diferentes concellos da comarca das Mariñas. 

“Unha liña de traballo fundamental vai ser a loita contra os recortes en servizos públicos esenciais como o ensino, que está causando problemas en moitos centros da nosa comarca coma o CPI Castro Baxoi en Miño, que está sufrindo tanto os recortes no profesorado como a necesidade de melloras no propio centro e que a ANPA volveu denunciar as pasadas semanas”, explicou Mercedes Queixas. “Os problemas de melloras nas súas instalacións dos centros educativos de Betanzos como o  Vales Villamarín, ou o IES Francisco Aguiar e o IES As Mariñas”, engadiu.  

“Tamén imos seguir reclamando o reforzo da atención primaria, do servizo de pediatría e do centro de especialidades de Betanzos para acabar co desmantelamento ao que o PP está sometendo o servizo público de saúde”, engadiu. 

“Trasladaremos de novo ao Parlamento os graves problemas ambientais da nosa comarca, como  a imprescindíbel aposta por mellorar calidade da auga dos ríos e da Ría de Betanzos. “Esta vai ser unha das nosas grandes prioridades no traballo político no Parlamento, de feito xa nesta liña xa rexistramos varias iniciativas e seguiremos esixindo un traballo coordinado entre os concellos, a Xunta e o Estado para garantir o saneamento, a depuración e a rexeneración da Ría de Betanzos”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.

Por último, en relación coa actividade industrial e o fomento do emprego, Mercedes Queixas anunciou iniciativas para garantir as necesarias melloras no saneamento e depuración do polígono de Bergondo e un estudo para a súa ampliación, así como propostas en defensa do sector agro-pecuario e forestal, as grandes fontes de emprego e riqueza nos concellos máis rurais da comarca. 
 
Con este encontro de hoxe, un formato que terá continuidade nos vindeiros meses, o BNG das Mariñas comeza o traballo na nova lexislatura do parlamento galego, na que se consolidou como segunda forza e alternativa ao PP nas Mariñas, subindo máis de 2500 votos con respecto ás eleccións galegas de 2020 e chegando a un 29% do voto nos concellos da comarca. “Non imos defraudar ás persoas que apostaron polo BNG e imos traballar desde o primeiro día para mellorar as vidas das veciñas e veciños da nosa comarca”, concluíu a deputada do BNG.

O BNG priorizará o inicio da lexislatura no Parlamento a sanidade, o ensino, os servizos sociais e o saneamento e depuración na Ría de Betanzos