O PP teima en manter a depuradora de Gandarío malia os informes desfavorábeis de Pesca
Bergondo, 23 de xaneiro de 2014. O BNG critica que o PP se negue a escoitar á veciñanza e se enroque na ubicación da depuradora na praia de Gandario. Na súa resposta a unha iniciativa presentada polo BNG no Parlamento o PP négase a ter en conta outras valoracións co único argumento de que é necesario depurar as augas que se verten á ría en Gandarío, explicou David Carro, do BNG de Bergondo.
Non podemos estar mais de acordo con esa afirmación, de feito xa nos parece escandaloso que no ano 2014 se manteñan estes vertidos directos á ría, mais o debate non é se é necesario ou non depurar senón se a ubicación correcta para unha EDAR é na praia de Gandario ou non, explicou.
O PP responde neste escrito que non ten pensado paralizar o proceso construtivo, aínda que hai unha forte oposición veciñal á ubicación elixida e hai diferentes alternativas a esta obra, como o saneamento descentralizado que propuxo hai meses o BNG coa colaboración de Manolo Soto, profesor universitario e experto na materia.
Ademais no mesmo escrito, o Partido Popular afirma que o anteproxecto tramitado foi sometido a todos os tramites establecidos pola lei e que a ubicación foi elixida non só por motivos económicos. Os nacionalistas recordaron que se teñen feito informes de técnicos da propia Xunta de Galicia moi críticos coa ubicación escollida por motivos medioambientais.
Na súa resposta no Parlamento, a Xunta do PP asegura que a ubicación en Gandarío foi elixida non só por motivos económicos. Os informes de Pesca eran moi críticos co proxecto polo seu impacto no banco marisqueiro
Desde logo parece que se o económico non é o único criterio, si é o que prevalece porque habendo informes que advirten do risco para a calidade das augas desta ubicación, o goberno da Xunta do PP e o PSOE no concello enrocanse nesta opción e neganse a escoitar as diferentes alternativas que colectivos de afectados, expertos e mesmo grupos políticos, coma o BNG, propuxemos, indicou David Carro.
Os nacionalistas recordaron que xa presentaron a través da exdeputada no Parlamento europeo, Ana Miranda, e da ALE, grupo europeo no que está integrado o BNG unha pregunta diante da Comisión Europea para intentar que se valoren outras posíbeis ubicacións mais sostibeis e mais económicas para a necesaria depuración das augas en Gandario.