Diante do concurso de acreedores das promotoras o BNG reclama a paralización de Monte Piñeiro
Miño, 22 de xaneiro de 2013. O BNG volveu reclamar a paralización do proxecto de urbanización de Monte Piñeiro. Despois de ver a situación económica en que se atopan as empresas promotoras da urbanización, que se acaban de declarar en concurso de acreedores, volvemos reclamar da Xunta que paralice esta urbanización. No noso Concello hai vivenda baleira máis que de sobra sen facer unha nova urbanización e encima nun espazo protexido como son as marismas do Baxoi, explicou Henrique Abraira do BNG de Miño.
Desde o BNG recordaron que xa teñen presentado unha iniciativa que xa no mes de setembro solicitaron esta paralización do Parlamento galego a través de varias iniciativas. O Concello de Miño xa ten que pagar catro millóns de euros a estas empresas promotoras de cartos públicos e esperamos que non pretendan seguir agravando a situación avanzando na construcción de máis vivenda destinada a quedar baleira cunha empresa que se encontra en concurso de acreedores, criticou o nacionalista.
Os nacionalistas reclamaron que o PP se faga responsábel da desastrosa xestión que levou ao concello de Miño á terríbel situación económica na que se encontra.
O BNG criticou o anuncio dun novo recurso en Costa Miño Golf
A semana pasada o goberno local do PP anunciou a presentación dun recurso diante do Tribunal Supremo despois de que o TSXG anulara o novo contrato a FADESA de Costa Miño Golf. Parécenos vergonzante que o concello siga malgastando cartos públicos en presentar recursos cando e acumulando débeda sen presentar ningunha solución, indicou Henrique Abraira. O alcalde xa debera ter dimitido.
A única solución que ten é presentar recurso tras recurso con cartos de todos e todas para intentar seguir aferrado ao seu posto alguns meses máis. Mentres a situación para o concello non para de empeorar e os vecinos e veciñas levan máis de 10 anos intentando cobrar o que lles corresponde polas súas terras, o PP malgasta cartos públicos nunha revista para intentar vender unha xestión idílica que non ten nada a ver coa realidade, concluíu.