O BNG traslada ao Parlamento a falta de pago ás coidadoras do comedor do Cruz do Sar
Bergondo, 21 de xaneiro de 2014. O BNG denunciou no Parlamento de Galiza que as colaboradoras do servizo de comedor do colexio Cruz do Sar de Bergondo están traballando na atención dos 350 usuarios diarios do comedor do centro sen recibir a asignación económica que lles correspondería.
Segundo denuncian os deputados nacionalistas Francisco Jorquera e Cosme Pombo, as 12 colaboradoras afirman que o curso pasado tiveron que agardar a marzo para cobrar o primeiro trimestre. As traballadoras aseguran estar fartas de chamar á Xunta reclamando a asignación pactada, que terían que ter cobrado en novembro ou decembro. Os deputados do BNG insisten en que estas asignacións resultan moi importantes para as súas economías domésticas.
O BNG asegura que non comparte este xeito de proceder da Consellería de Educación xa que supón un agravio para as colaboradoras do servizo do comedor escolar. Por este motivo, Jorquera e Pombo exixen á Xunta que cumpra coas súas obrigas no referente á atención do servizo de comedores escolares e co compromiso adquirido coas persoas colaboradoras do servizo de comedores escolares.
Os deputados do BNG exixen á Consellería de Educación que explique os motivos polos que adía o pagamento destas asignacións. Do mesmo xeito, reclaman ao goberno galego prazos concretos para solucionar esta situación denunciada polas colaboradoras do servizo de comedor escolar.
Os nacionalistas, que rexistraron unha batería de iniciativas sobre esta situación que mesmo inclúe a interpelación no Pleno do Parlamento, preguntan se a Consellería de Educación é realmente consciente do prexuízo que ocasiona ás persoas colaboradoras co servizo de comedores escolares por causa dos reiterados retrasos no pago?
Os nacionalistas esixen saber a que se debe este retraso e cando pensa solucionalo a Consellería de Educación
Desde o BNG recordan que esta situación ven sumarse á ampliación do repago dos comedores escolares. Advirten que isto afectaría a un número importante de familias galegas que se verían obrigadas ao pago deste servizo, e tamén ao encarecemento do mesmo. O BNG considera necesarios os comedores escolares para garantir un dereito fundamental como é o Dereito á Educación advirten Jorquera e Pombo nas súas iniciativas.
Os deputados do BNG recordan que o Pleno do Consello Escolar de Galiza acordara a devolución ao Goberno Galego do novo decreto de comedores xa que pon en tea de xuízo a igualdade de oportunidades, vulnera o dereito á educación e o deber de estar escolarizado, elimina o dereito de comedor escolar gratuíto para o alumnado transportado, non cumpre a función compensatoria, nin moito menos, social e penaliza á poboación do medio rural.