O BNG organiza un videoforum sobre o dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade
Betanzos, 26 de xaneiro de 2014. O BNG das Mariñas organiza en Betanzos un videoforum sobre o dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade.
Este debate englóbase dentro da campaña en contra do proxecto de modificación da lei do aborto que co lema Aborto libre e gratuíto. O noso corpo, a nosa decisión, que está levando a cabo o BNG por todo o país. Con estes debates preténdese informar e concienciar ao conxunto da sociedade para que saiba o que representa esta reforma do PP que lexisla contra as mulleres e nos coloca, en termos de seguridade sanitaria, peor que fai trinta anos, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López.
Dentro desta campaña, o BNG de Betanzos ven de propoñer no Pleno celebrado onte que se lle conceda o premio Ursula Menéndez de Texeda á igualdade, á Plataforma galega polo dereito ao aborto.
A charla, aberta a todas as persoas interesadas, será o xoves 27 de febreiro, ás 20.00 h., na libraría Biblos (rúa de Santiago, 4, Betanzos). Moderará o debate a deputada do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán.