O BNG exixe a retirada do proxecto de lei local que deixa sen contido todos os concellos das Mariñas
Betanzos, 15 de outubro de 2013. O BNG asegurou hoxe que a reforma local que prepara o PP afectará de cheo a todos os concellos das Mariñas, xa que ningún sobrepasa os 20 000 habitantes. O PP baleira de contido e deixa sen sentido os Concellos para engordar as Deputacións, que non teñen razón de ser e gastan o 60% dos seus orzamentos en manterse a si mesmas, sen ofrecer servizos á veciñanza, asegurou o responsábel de política institucional do BNG nas Mariñas, Henrique del Río. As deputacións non teñen sentido, se se fala de racionalizar as administracións, hai que suprimilas por ineficientes, aseguran os nacionalistas.
Nin con esta reforma nin coas fusións o PP soluciona os verdadeiros problemas da veciñanza, indicou Estefanía Busto, voceira do BNG en Oza dos Ríos. Os nacionalistas pregúntanse de que vale que o PP fusione dous concellos rurais para que sumen 5000 habitantes se logo os vai deixar sen funcións. Xa se pode aplicar a fondo Diego Calvo fusionando forzosamente toda a comarca para que a lei do PP deixe actuar á nova criatura, ironizou.
A reforma do PP obrigará aos concellos das Mariñas a prescindir dos servizos que prestan en cultura- como bibliotecas, casas da cultura e actividades de promoción-, servizos educativos- comedores escolares ou actividades extraescolares, entre outros-, deportivos fomento do deporte e infraestrutura deportiva- ou asistenciais- cando os concellos asumen grande parte dos servizos sociais.
Desde o BNG poñen o Conservatorio municipal de Betanzos como exemplo. Levamos anos defendendo mancomunar o conservatorio entre todos os municipios da comarca, xa que na práctica ven actuando como tal, recorda Del Río. O PP critica que suban as taxas, recurta os fondos para o Conservatorio desde a Xunta e a Deputación e á hora de dar solucións, non dá ningunha, denuncia. E quen paga as consecuencias de esta forma de actuar, quen paga taxas cada vez máis altas? A veciñanza, insiste.
Nin con esta reforma nin coas fusións o PP soluciona os verdadeiros problemas da veciñanza
Outro exemplo que poñen os nacionalistas é a depuración das augas residuais. O racional sería contemplar a depuración no conxunto da bacía da ría e os ríos da comarca, pero Xunta e Deputación seguen actuando de forma illada dentro de cada concello, explican. Con este panorama, o servizo custa máis á xente, é peor e sempre quedan máis zonas sen cubrir aseguran desde o BNG.
O problema de planificar servizos entendendo os concellos como compartimentos estancos é que o servizo é menos eficiente e sáelle máis caro á veciñanza advirten. E con esta realidade, o PP prohíbe consorciar e mancomunar servizos na súa reforma da lei local, denuncian.
O BNG reclama a retirada do proxecto de lei local do PP porque, aseguran coa lei do PP a Deputación vai ser quen controle até o asfaltado de camiños e a traída da auga, concentrando o resto dos servizos nas capitais provinciais como a reforma sanitaria ou a supresión dos partidos xudiciais. O PP pretende acabar cos concellos rurais e as cabeceiras comarcais deixándoos sen prestacións e privatizando todos os servizos coa excusa da crise, conclúen.