O BNG exixe a comparecencia de Rueda diante do conflito dos bombeiros
Betanzos, 16 de xullo de 2013. O BNG mantivo unha xuntanza esta tarde con representantes dos bombeiros dos parques comarcais da provincia da Coruña, xestionados pola empresa Veicar. A esta xuntanza asistiu o portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera, os voceiros dos Concellos nos que están situados os parques de bombeiros da nosa comarca, Henrique del Río e Silvia Seixas e responsábeis do BNG na comarca.
Jorquera trasladou aos bombeiros o apoio do BNG ás súas demandas xa que non é só é un conflicto laboral senón que ten unha dimensión política, senón que é evidente que se está empeorando un servizo público fundamental. O portavoz parlamentar do BNG insistiu en que se está degradando un servizo e que se vai prestar en peores condicións á xente.
Por este motivo, esta mañá o BNG co apoio de AGE, presentou un escrito pedindo a comparecencia inmediata de Alfonso Rueda, Conselleiro de Presidencia para que explique porque se permite esta situación cando a Lei de emerxencias de Galiza atribúe a competencia neste asunto á Consellería que dirixe.
O BNG defende acabar coa xestión privada dos parques comarcais de bombeiros e avanzar cara a creación dun corpo de bombeiros urbanos de Galiza
Ademais, o BNG comprometeuse a solicitar a modificación da Lei de emerxencias de Galiza en canto se reanude o periodo ordinario de sesións do Parlamento. Segundo explicou Francisco Jorquera o BNG defende acabar coa xestión privada dos parques comarcais de bombeiros e avanzar cara a creación dun corpo de bombeiros urbanos de Galiza.
Grande parte do problema radica no modelo de xestión privada, xa que a empresa busca maximizar os beneficios a costa de empeorar as condicións laborais dos bombeiros e a calidade do servizo que emprestan, asegurou o voceiro parlamentar do BNG. A administración ten unha responsabilidade da que non pode desentenderse reducíndoa a un simple conflicto laboral nunha empresa, concluíu.
Nesta mesma liña, desde o BNG presentarán mocións nos concellos afectados para apoiar as demandas dos bombeiros. O que queremos é que a xente saiba as condicións de precaridade nas que se está prestando o servizo actualmente por parte da empresa concesionaria, indicou o voceiro do BNG no concello de Betanzos, Henrique del Río. O BNG comprometeuse tamén a trasladar esta problemática ao Pleno da Deputación provincial da Coruña, actual responsábel do servizo de bombeiros por medio do consorcio.
Os nacionalistas comprementéronse tamén a secundar os peches que están levando a cabo os bombeiros nos distintos parques comarcais.