O BNG denuncia que o PP está a desviar a atención sobre a suba das taxas
Oza dos Ríos, 29 de novembro de 2013. O BNG denunciou o carácter inxusto das taxas aprobadas polo PP para o concello fusionado de Oza e Cesuras. Prometíannos beneficios coa fusión, mais o certo é que non hai ningunha bonificación para colectivos desfavorecidos, nin familias en risco de exclusión social, nin vítimas de violencia machista, só van favorecer ás grandes empresas a costa de toda a veciñanza, denunciou Estefanía Busto, voceira do BNG na xunta xestora do municipio.
A edila do BNG advirte de que as únicas bonificacións previstas nas ordenanzas aprobadas polo PP son descontos de case a totalidade das taxas e impostos para ENCE e CocaCola, que está por ver se chegan a establecerse aquí. Os nacionalistas denuncian que o PP descúlpalles o 95% do imposto de construccións e descúlpalles a taxa de saneamento cunha ordenanza feita a medida, entre outros beneficios. O PP esquece que, a día de hoxe, quen xera emprego no noso concello son as pequenas e medianas empresas, non ENCE nin CocaCola, mais para aquelas tampouco hai ningunha bonificación, engadiu a concelleira nacionalista.
Ademais, Busto insiste en que as taxas aprobadas polo PP establecen unha distinción ilegal entre censados e non censados para a taxa da traída ou a do lixo. Co agravante de que a traída prevé dúas tarifas distintas, ademais, segundo residas en Oza ou Cesuras, cando o certo é que o servizo de traída en Cesuras non se está dando pero síguese cobrando, advertiu.
Estefanía Busto: Mentres debaten sobre cantas liberacións precisa o concello o PP sóbenos as taxas e crea beneficios fiscais para dúas multinacionais
Sobre a taxa do lixo, que sube para as vivendas ou oficinas de 82 a 97 euros, Busto explicou que logo de que todos os alcaldes de Galiza, excepto os do PP, obrigasen á Xunta a adiar a suba do canon de SOGAMA non hai xustificación para subira taxa aquí. A non ser que pretendan que co lixo paguemos o salario do alcalde, ironizou.
Servizo de madrugadores só para Oza dos Ríos
Busto indicou tamén que no pleno da xestora acordouse crear un servizo de madrugadores. Aínda que a ordenanza di que é para todo o territorio do concello, máis adiante di que o servizo será só prestado no colexio de Oza, indica. Agardamos que non sexa o primeiro paso para pechar o colexio de Cesuras e engadir outra conta ao rosario de mentiras que arrastra a fusión, engadiu.
Manda máis unha televisión privada que o Pleno do Concello
Os nacionalistas lamentaron o espectáculo mediático ofrecido polo alcalde, o popular González Cacheiro, ao anunciar nunha tertulia televisiva a baixada do salario que o Pleno aprobou triplicarlle. Todo este baile de salarios e dedicacións non é máis que o resultado dunha mala xestión, desde que comezou o proceso de fusión, o BNG exixiu un plan de viabilidade que nunca chegou e as consecuencias vainas pagar a veciñanza denunciou Busto.
Desde o BNG cuestionan tamén as distintas posturas do PSOE sobre a suba de soldos no Concello. Así, denuncian que o PSOE non é coherente, por unha banda critican o excesivo gasto en órganos de goberno e por outra, piden máis dedicacións. Estefanía Busto lamentou que no Pleno o PSOE evitou valorar a suba do soldo do alcalde dicindo que era algo elevada e pedindo outra dedicación exclusiva para Cesuras, despois o PSOE de Cesuras critica o que permitiron os seus concelleiros e logo o voceiro do PSOE de Oza volve con pedir máis salarios. Non entendemos que defendadan isto, se pretenden facer unha delegación en Cesuras, para que nos fusionan? cuestionou Busto
O gasto total en órganos de goberno ascende a 111 685 euros, é unha cifra escandalosa, e o PSOE aínda quere máis, para uns e outros o que menos importa son as veciñas e veciños, mentres debaten sobre cantas liberacións precisa o concello o PP sóbenos as taxas e crea beneficios fiscais para dúas multinacionais concluíu Busto.