O BNG demandará a fin da concesión da AP-9
Coirós, 14 de maio de 2014. O BNG reclamará mañá no Pleno de Coirós que o Concello demande á Xunta a rebaixa dos prezos das peaxes nun 32%, que é a porcentaxe de aumento das tarifas desde o inicio da crise económica no ano 2007 explica a voceira nacionalista, Pura Ferreño.
O BNG leva demandando desde o inicio da grave crise económica que se tomen medidas para que a AP-9 exerza como unha vía de comunicación que vertebre o territorio e sexa accesíbel para todas as galegas e galegos explica a edila nacionalista. Ferreño repasa as iniciativas presentadas polo BNG no Congreso e o Parlamento de Galiza para que se conxelen ou se reduzan os prezos das peaxes na autopista do Atlántico. Tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado español, ambos en mans do PP, fan ouvidos xordos a esta demanda social da maioría de galegos e galegas lamenta.
A moción presentada polo BNG advirte de que a AP9 parte dun deseño de infraestruturas terrestres deseñado en Madrid, de xeito centralista e radial, alleo á realidade do país. Resulta significativo que o gasto en peaxes ao viaxar entre Madrid e Ferrol sexa menor (16,20 euros) que viaxar entre Ferrol e Vigo (17,65 euros) denuncia Ferreño.
Por este motivo, o BNG demandará que a Xunta reclame á empresa concesionaria da autoestrada descontos similares aos que se aplican noutras vías similares en outros puntos do estado español. Ademais, piden á Xunta exixir á empresa concesionaria que reinvista os seus multimillonarios beneficios na mellora da autoestrada, que adoece de deficiencias en moitos dos seus tramos, e na mellora da calidade do servizo que experimentou un empeoramento significativo.
O BNG reclama novamente ao goberno do estado que dea por finalizada a explotación privada da AP-9 en mans de AUDASA para convertela nunha autopista pública gratuíta que cumpra coa súa función de rede de comunicación que vertebra todo o territorio galego de norte a sur. É moita hora de que a Xunta de Galiza deixe de mirar para outro lado e asuma as demandas da cidadanía galega asegura Ferreño.
Reposición do sistema universal de empréstito de libros de texto
O BNG presentou outra moción para demandar á Xunta que dea marcha atrás na súa política educativa e repoña o sistema de préstamo universal de libros de texto. O recorte no programa de bolsas para libros de texto, a suba do IVE e a entrada en vigor da LOMCE poden facer que parte do alumnado non teña para comprar os libros de texto, indica Pura Ferreño.
Por este motivo, os nacionalistas, logo de contrastar a iniciativa coas ANPAs galegas, reclaman que se avance na gratuidade total de todos os medios que se utilicen no ensino público galego. E que os centros conten co persoal suficiente para xestionar estes programas, conclúe a voceira nacionalista en Coirós.