O BNG cualifica de vergoñento que o alcalde non asuma a súa responsabilidade e dimita
Miño, 17 de outubro de 2013. O BNG volve a exixir ao goberno local de Miño que asuma a súa responsabilidade, despois de coñecerse unha nova sentenza do TSXG que anula o proxecto expropiatorio da urbanización Costa Miño Golf.
A situación do Concello de Miño agrávase cada día mais por culpa da irresponsabilidade dos sucesivos gobernos locais do Partido Popular que en lugar de buscarlle unha solución ao desastre que foi esta urbanización desde o principio optaron por seguir preiteando con cartos públicos contra os propios veciños e veciñas, criticaron desde o BNG, como por certo segue facendo o actual alcalde.
Esta sentenza pode supoñer que o Concello teña que pagar 5 millóns mais aos afectados e afectadas, que teremos que pagar con cartos de toda a veciñanza. A fiscalía debe actuar contra os responsábeis desta desastrosa xestión urbanística, que só buscaba enriquecer a uns poucos a costa primeiro dos expropiados pero tamén de todos os veciños e veciñas, indicaron.
O BNG considera que a nova sentenza e a intención do PP de repetir todos os erros de Costa Miño Golf no monte Piñeiro deberían facer actuar á Fiscalía.
É vergoñento que o alcalde, que leva na corporación desde que se xestaron tanto o proxecto de Costa Miño Golf como o de Monte Piñeiro, non asuma a súa responsabilidade. Xa tería que ter dimitido e desde logo o que é de todo impresentábel é que pretenda seguir afondando no modelo urbanístico que levou a Miño a situación actual, afirmou Henrique Abraira, en relación a intención do goberno local de seguir adiante coa urbanización de Monte Piñeiro.
O PP teima en urbanizar as marismas do Baxoi sen beneficio algún para o Concello, denuncian os nacionalistas. Desde a formación frontista recordan que os gobernos do PP nos que Veiga era tenente alcalde prometeron que en Monte Piñeiro ían construír un novo Miño cunha urbanización de luxo e varios edificios e equipamentos de titularidade municipal.
Agora resulta que nada deso é certo, que pretenden burlar a lei para facer unha urbanización estándar, que todo o que correspondía ao Concello vai ser para pagar a débeda coas promotoras e que se non chega, aínda se lles van perdoar as taxas das licenzas, advirten desde o BNG. E logo de semellante regalo, aínda o Concello vai ter que asumir o custo dos servizos se consiguen que se constrúa algo, aseguran. Un negocio redondo para Miño, ironizan.
Os nacionalistas recordaron que nesta lexislatura xa presentaron unha iniciativa no Parlamento galego para que a Xunta busque unha solución aos veciños e veciñas afectados polas expropiacións e outra para que se paralice a construción dunha nova urbanización en Monte Piñeiro.
Desde o BNG afirman que os sucesivos gobernos do Partido Popular utilizaron o concello para xogar con cartos de todos e todas sen importarlles as consecuencias, contratando ex concelleiros como asesores e estragando os recursos públicos, concluíron, agora estamos vendo todos e todas as consecuencias do modelo do Partido Popular.