Henrique Abraira: Está claro que recorrer cos cartos dos demais sae gratis
O BNG cuestionou o anuncio do goberno local do PP de recorrer ante o Tribunal Constitucional o fallo polo que o Concello de Miño ten que pagar 21 millóns de euros máis as costas aos miñenses expropiados para construír Costa Miño Golf. Está claro que recorrer cos cartos dos demais sae gratis
Miño, 10 de xuño de 2014. O BNG cuestionou o anuncio do goberno local do PP de recorrer ante o Tribunal Constitucional o fallo polo que o Concello de Miño ten que pagar 21 millóns de euros máis as costas aos miñenses expropiados para construír Costa Miño Golf. Está claro que recorrer cos cartos dos demais sae gratis, ironizou o nacionalista Henrique Abraira sobre o anuncio realizado polo alcalde.
Neste sentido, desde o BNG reiteran a exixencia de dimisión a todo o goberno municipal de Miño. O PP ten que facerse de inmediato responsábel dos seus feitos e dos resultados que ten a súa desastrosa xestión e deixar de empeorar cada vez máis a situación de Miño, engadiu Abraira.
Segundo os nacionalistas, o anuncio do goberno local do PP é unha fuxida cara adiante totalmente impresentábel. Utilizar os cartos de toda a veciñanza para continuar pleiteando contra a propia veciñanza é dunha total falta de vergoña e de ética, engaden desde a agrupación local do BNG de Miño. Recursos e máis recursos ao final acabámolos pagando toda a veciñanza, lamentou.
O PP ten que asumir a súa responsabilidade tanto na Xunta como no Concello, e reunir aos afectados para buscarlle unha solución a este despropósito
O Concello ten que reunirse cos afectados e buscar unha solución de inmediato, engade Abraira. A Xunta, que ten que facerse tamén responsábel desta situación por ter autorizado a macrourbanización, tamén dá a calada por resposta, lamentan desde o BNG. O único que busca o PP é que cheguen as eleccións a ver se pasa o tempo en lugar de solucionar un problema que provocou coa súa cobiza e coa súa economía de casino, engaden.
Os nacionalistas sospeitan que o PP xa tiña tomada a decisión de recorrer a sentenza do Supremo ante o Constitucional aos poucos días de coñecer o fallo. Sen embargo, censuran que o alcalde agardou a que pasaran as eleccións europeas para facer o anuncio para eludir as súas responsabilidades políticas e evitarlle un castigo maior ao PP.
Miño non merece un goberno tan irresponsábel coma este, aseguran desde o BNG local. Os nacionalistas reiteran que o executivo local non pode permanecer nin un minuto máis no cargo á vista de como especulan co futuro da vila de forma tan obscena.