Propoñemos integrar “A Ceboliña” na rede de escolas infantís públicas de Galiza
O BNG-Asembleas Abertas de Miño propuxo integrar a escola infantil municipal “A Ceboliña” na rede pública de escolas infantís da Xunta para garantir a xestión pública do centro.
Miño, 1 de setembro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas de Miño propuxo integrar a escola infantil municipal “A Ceboliña” na rede pública de escolas infantís da Xunta para garantir a xestión pública do centro. “É a mellor maneira de garantir a estabilidade e benestar das crianzas” declara Olalla Barro.
Os nacionalistas cuestionan que o executivo local non controlase a xestión que a concesionaria da escola infantil realizou até o de agora. Reprochan ao goberno local de Ricardo Sánchez e o PP que non fixera nada por garantir que se cumprise o proxecto educativo. “O goberno local consentiu que se incumprise o contrato e permitiulle á concesionaria unha alta rotación das mestras, repercutindo negativamente no benestar e a educación dos menores, algo que obviamente non preocupa ao goberno do PP” censura Olalla Barro, voceira do BNG-AA.
“E neste escenario de tolerancia absoluta cos incumprimentos da concesionaria, o goberno local convoca un novo concurso, de urxencia, para readxudicarlle a escola infantil á mesma empresa, Novo Alicerce, impedindo na práctica que outras empresas poidan optar a ela en igualdade de oportunidades”, denuncian desde o BNG. Os nacionalistas censuran que no prego, que dá só oito días naturais para presentar ofertas, priman os criterios economicistas sobre os pedagóxicos.
“Unha empresa privada non é unha ONG e busca sacar beneficio económico da súa actividade, é o normal”, explica Barro. “Así que cando unha empresa privada leva un servizo público, obviamente ao que atende é á súa conta de resultados e non ao interese xeral”, engade. Neste sentido, desde o BNG aseguran que “ademais, por primar eses intereses económicos particulares, as privatizacións de servizos públicos préstanse a todo tipo de corruptelas, como estamos cansos de ver”.
Por este motivo, aseguran, é mellor optar pola xestión directa dos servizos públicos. “É máis barata, máis eficiente, dá un servizo de maior calidade, xenera empregos de calidade e, ademais, só responde ao interese xeral”, explica a voceira nacionalista. Por este motivo, aseguran, é preferíbel que a escola infantil de Miño se integre na rede galega de escolas infantís públicas, “para garantir un servizo de calidade e un proxecto pedagóxico”.
O traspaso da escola infantil á rede da Xunta permitiría, ademais, un aforro de 30 000 euros en “competencias impropias” asumidas polo Concello de Miño. “Unha das medidas de aforro previstas pola Intervención era a transferencia de competencias impropias á Xunta de Galicia, entre elas a da escola infantil, que suporía un aforro de 30.000 € anuais segundo o propio alcalde”, recorda Barro. Os nacionalistas entenden que con esta transferencia evitaríanse recortes noutros servizos municipais a causa do plan de rescate motivado pola millonaria débeda de Fadesa. “A transferencia á Xunta de Galicia, non só sería un aforro considerable nun Concello cunha situación económica crítica, senón que a xestión pública é a mellor maneira de garantir a estabilidade e benestar dos nen@s” declara Olalla Barro.
A xestión da concesionaria xa motivou as queixas das nais no pasado
Cabe recordar que a adxudicación da xestión da escola infantil á empresa Novo Alicerce S.L. en xaneiro de 2010 provocou as protestas de máis de 70 pais e nais da escola. Dita empresa foi creada dous meses antes do concurso e estaba formada por tres extraballadoras da anterior concesionaria, cuxo traballo foi en reiteradas ocasións motivo de queixas dos pais e nais ante a dirección do centro. “Tal situación púxose en coñecemento do Concello mediante escrito entregado no rexistro do concello en decembro do 2009” recordan desde o BNG.