O BNG organiza mañá unha mesa redonda sobre a situación das praias de Miño
O BNG-Asembleas abertas organiza mañá venres 17 no centro social da Rúa ás 19:30 h. unha mesa redonda sobre a situación das praias de Miño. O BNG-Asembleas abertas das Mariñas celebrará o día da Patria cunha romaría no merendeiro da Ponte de Teixeiro, no Concello de Coirós, o vindeiro domingo.
Miño, 16 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas abertas organiza mañá venres 17 no centro social da Rúa ás 19:30 h. unha mesa redonda sobre a situación das praias de Miño. A mesa redonda que leva por título Bandeira azul: calidade ou estafa?: augas fecais, recheos de area e urbanismo salvaxe en Miño.
No debate que tratará sobre os problemas medioambientais que sofre o Concello de Miño Intervirán: Joám Luís Ferreiro Caramés, biólogo da Confraría de Barallobre, Xandro García de ADEGA, Ana Rial Chorén ,arquitecta técnica, e David Valiño do Proxecto Ríos.
A situación do noso concello é un tema que preocupa a moitas veciñas e veciños desde os vertidos no rio Baxoi ás marismas ao urbanismo salvaxe, pasando polos recheos ou o saneamento, explicou a voceira do BNG-Asembleas abertas Olalla Barro, pensamos que é importante ter datos e coñecer a visión de persoas que traballan a diario en coidar o noso medio.
As nacionalistas esperan que desta mesa redonda se poida constituír un grupo de traballo para facer propostas e traballar no coidado do Medio en Miño e convidou a todas as persoas de Miño e da comarca interesadas a participar nesta mesa redonda.
Romaría nacionalista en Coirós
O BNG-Asembleas abertas das Mariñas celebrará o día da Patria cunha romaría no merendeiro da Ponte de Teixeiro, no Concello de Coirós, o vindeiro domingo. Trátase dunha xornada festiva de convivio entre as persoas que colaboraron co BNG-Asembleas abertas nos últimos anos, explicou a responsábel do BNG das Mariñas Cristina López, quen explicou que é unha tradición que se veu celebrando os últimos anos e convidou as persoas interesadas a participar poñéndose en contacto co BNG das Mariñas.