Alegrámonos do compromiso da Deputación de melloras na seguridade viaria na estrada DP-0811 no Espiritu Santo
A petición do BNG canalizaranse as pluviais no tramo que discorre por este lugar gañando así espazo para o transito peonil coa construción desta pequena senda
Bergondo, 26 de febreiro de 2018. A Deputación da Coruña comprometeuse a realizar melloras na seguridade viaria na estrada DP-0811 ao seu paso polo lugar de Espiritu Santo, na parroquia de Lubre ao longo do 2018.
A petición do BNG canalizaranse as pluviais no tramo que discorre por este lugar gañando así espazo para o transito peonil coa construción desta pequena senda. “Logo da incorporación dende a N-VI, un pouco máis abaixo hai unhas naves que fan que se movan camións de gran tonelaxe por esta vía estreita e sen beiravías, que atravesa unha zona densamente poboada e transitada por peóns que a utilizan a diario para poder acceder ao transporte público ou camiñar” explica o voceiro nacionalista David Carro; "a inversión nesta obra será relativamente pequena e sen embargo a seguridade viaria na zona verase amplamente mellorada" concluíu Carro.
O BNG xa se interesara no 2014 por este tema, mais o goberno da Deputación, daquela en man do PP considerou que non eran precisas estas melloras. Agora, logo do cambio de goberno, o BNG de Bergondo insistiu na petición, que esta vez si, parece que vai ser tida en conta.