Organizamos unha mesa redonda en Miño sobre o modelo enerxético
O BNG organiza mañá no local social da Rúa unha mesa redonda baixo o título “Pobreza/riqueza enerxética. Unha oportunidade de mudar de modelo”.
Miño, 21 de febreiro de 2017. O BNG organiza mañá no local social da Rúa unha mesa redonda baixo o título “Pobreza/riqueza enerxética. Unha oportunidade de mudar de modelo”. No acto, que comezará ás sete do serán no salón de actos tomarán a palabra Xosé Manuel Golpe Acuña, socio fundador de Nosa Enerxía Cooperativa, unha cooperativa comercializadora de enerxía producida de xeito sustentábel, e mais Pablo Leira, de Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, que incidirá en como afecta ao medio o actual modo de xeneración eléctrica.
Mercedes Tobío, responsábel comarcal do BNG en Ferrolterra, explicará as alternativas que defende o BNG para redeseñar o sistema de produción, distribución e comercialización da enerxía eléctrica. Unha delas é a tarifa eléctrica galega, que supoña unha redución do recibo por ser o noso país exportador de electricidade e padecer os custos sociais e ambientais de producila.
“Unha tarifa eléctrica galega permitiría, ademais, que a industria e a agricultura producisen dun xeito moito máis competitivo, permitindo crear emprego, riqueza e benestar no noso país a partir dun recurso que exportamos”, explica a voceira do BNG en Miño, Olalla Barro, que moderará a mesa redonda e o posterior coloquio.
O acto enmárcase dentro da campaña do BNG para popularizar a tarifa eléctrica galega e para redeseñar o sistema eléctrico. Na mesma están tamén as mocións presentadas en todos os plenos da comarca reclamando que a Xunta sancione ás eléctricas polos danos producidos a causa da lentitude en reparar os estragos dos temporais de comezos de mes e o deficiente estado de conservación de liñas e infraestruturas. “Non pode ser que para ampliar os seus beneficios teñamos que padecer nós”, conclúe Barro.