O BNG propón celebrar o "Ano Viqueira" en 2024, no centenario do seu falecemento

Tania Golpe: “consideramos que o Concello debe promover actos ou actividades que difundan a súa vida e obra ao longo de todo o ano, e especialmente o 29 de agosto"

O BNG propón celebrar o "Ano Viqueira" en 2024, no centenario do seu falecemento

Bergondo, 18 de setembro de 2023.- A concelleira do BNG de Bergondo Tania Golpe, propoñerá no próximo pleno, que o 2024 sexa declarado “Ano Viqueira”, xa que se cumpre o centenario do falecemento deste recoñecido persoeiro vinculado a Bergondo, e en particular á parroquia de Vixoi, onde aínda se conserva a que foi a súa residencia, a coñecida como Quinta Cortón.

A Viqueira dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1974 por ser partícipe activo da cultura galega dos anos 20 e autor de importantes escritos e poesías. Influído polos seus estudos na Institución Libre de Ensinanza en Madrid, entrou en contacto co pensamento critico moderno e tivo contacto con destacados humanistas como Bartolomé Cossío ou Giner de los Ríos que posteriormente visitarían Vixoi.

“Pese a falecer moi novo, Viqueira, xunto con Filomena Dato, María Miramontes, ou Vaamonde Lores, son persoas senlleiras vinculadas a Bergondo, que salientaron en diversos eidos, e cómpre poñelos en valor. Neste caso, cando se compren 100 anos do pasamento de Xoán Vicente Viqueira, consideramos que o Concello debe promover actos ou actividades que difundan a súa vida e obra ao longo de todo o ano, e especialmente o 29 de agosto", indicou a voceira nacionalista.

"Ademais, débese implicar a comunidade educativa, para dar a coñecer a Viqueira entre o alumnado, a xente máis nova, posto que a súa ampla obra versa sobre filosofía, psicoloxía ou pedagoxía, pero sobre todo sobre o sistema educativo, defendendo a súa galeguización, a súa reforma, a plena incorporación da muller,  promovendo na ortografía do galego un achegamento ortográfico ao portugués. Tamén se debe involucrar as asociacións culturais da localidade e a comarca, ou de calquera outro tipo que queiran participar na organización e desenvolvemento deste Ano Viqueira", expuxo Golpe.

"Igualmente, instamos a solicitar a colaboración doutras administracións para facer unha completa programación deste importante ano", concluíu a concelleira do BNG.

O BNG propón celebrar o "Ano Viqueira" en 2024, no centenario do seu falecemento