O BNG traslada todo o seu apoio ao cadro de persoal de cerámicas do Castro
A Coruña 13 de novembro de 2013. O BNG da comarca da Coruña cualifica de extremadamente dura a proposta da dirección de Cerámicas do Castro, do grupo Sargadelos, de prescindir de 27 persoas de 84 na planta do Castro, en Sada, -e doutras 41 persoas de 89 na planta de Cervo- nunha decisión que opta por prescindir do fondo cultural e o capital humano como valores mais importantes do proxecto fundado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.
Os nacionalistas ofrecen todo o seu apoio e solidariedade ao cadro de persoal de Cerámicas do Castro e de Sargadelos e pregúntanse se despois de tres anos de EREs encadeados cuxas facturas pagaron exclusivamente as traballadoras e traballadores non haberá algunha factura da que sexan responsábeis os actuais e anteriores xestores do grupo.
Os nacionalistas ofrecen todo o seu apoio e solidariedade ao cadro de persoal de Sargadelos e Cerámicas do Castro, animando a que defendan os seus dereitos coa mesma contundencia coa que os/as trata a patronal.
O BNG criticou a decisión da dirección de Sargadelos e Cerámicas do Castro de prescindir de 27 persoas da planta de Sada ao considerala desproporcionada e inxusta coas traballadoras e traballadores da cerámica que sufriron varios EREs encadeados dende 2010 facéndolles perder postos de traballo, prestacións económicas e cotizacións sociais, nuns durísimos esforzos para salvar a empresa que semella, non viñeron acompañados dunha xestión empresarial eficaz e coherente coas esixencias impostas ao cadro de persoal.
Dende o Bloque Nacionalista Galego poñen en cuestión aos actuais e anteriores xestores do grupo cerámico de quen descoñecen cal é a súa estratexia empresarial, á vista das circunstancias e de que están prescindindo do fondo cultural e do capital humano que foron o principal valor deste proxecto empresarial e cultural.
A proposta da dirección de Cerámicas do Castro é dramática e carga mais unha vez sobre o cadro de persoal a factura da mala situación da empresa
Por último, pregúntanse si o millón de euros ofrecido pola Consellaría de Economía en 2010 400.000 a fondo perdido e 600.000 nun crédito do IGAPE chegaron no tempo e na forma en que se prometeron e en todo caso constatan que ou non foron ben aplicadas ou non serviron para os fins previstos e sobre isto tanto a Xunta como a empresa deberían dar explicacións pormenorizadas.