Imprimir

O BNG denuncia a supresión da liña de autobús que une Vila de Cruces coa cidade da Coruña, ao seu paso por diversos concellos

Bloque Nacionalista Galego das Mariñas | 28 de agosto de 2020

Esixen ao PP que cese na política de desmantelamento dos servizos públicos e de ataque ao medio rural e alertan sobre a ameaza de supresión de máis liñas

Santiago, 28 de Agosto , 2020.  O BNG leva ao Parlamento galego unha iniciativa para evitar que se suprima a liña de autobús que une Vila de Cruces coa cidade da Coruña, ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boimorto, Mesía, Abegondo, Carral, Cambre e Culleredo.

A deputada e o deputado do BNG, Mercedes Queixas e Xosé Luís Rivas “Mini”, reuníronse no Parlamento galego con representantes da organización nacionalista en todos os concellos afectados para abordar a situación. “O PP á fronte da Xunta de Galiza opta pola concentración empresarial como fórmula de precarización dos servizos públicos e de destrución do tecido empresarial galego. Denunciamos que, coa supresión desta liña de autobús, o PP converte este País nun deserto de mobilidade” sinalou Mini Rivas.

Mercedes Queixas exixiu á Xunta de Galiza que cese “na política de recortes e deterioro dos servizos públicos, garantindo a continuidade desta liña, afortalando o transporte público no noso País e axundado a sustentabilidade da vida no medio rural” expresou.

Desde o BNG reclaman que se manteña a liña mellorando a calidade do servizo, “é importante que se amplíen os horarios de frecuencias desta liña para garantir un servizo de calidade” sinalou Queixas.  

Estacazo ás comarcas rurais e ameazas de supresión de máis liñas

A deputada nacionalista Mercedes Queixas lembrou que “desde os anos 60 do pasado século esta liña de autobús une Vila de Cruces coa Coruña, e conta con parada en todos os concellos polos que atravesa” explicou. “Durante moitos anos contribuíu a vertebrar a vida diaria de diferentes parroquias e lugares dos concellos polos que transita” dixo Queixas, salientando a importancia que esta conexión ten coa cidade da Coruña para todos os concellos afectados e, nomeadamente, para os máis rurais.

Ademais desta situación, Queixas destacou tamén a ameaza de supresión que hai sobre a liña de autobús que vai do concello de Sobrado dos Monxes a Santiago de Compostela, inoperativa desde hai 2 meses. “A falta de transparencia que ten a Xunta a respecto da situación desta liña fai saltar todas as alertas ante a sospeita de que tamén pretendan suprimila, xa que leva meses en suspenso” explicou Queixas.

“Desde o BNG estaremos vixiantes e exiximos  ao Partido Popular que cese nesta política de desmantelamento dos servizos públicos e de ataque ao medio rural” concluíu. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/abegondo/bng-denuncia-supresion-da-lina-autobus-une-vila-cruces-coa-cidade-da-coruna-ao-seu-paso-diversos-concellos/20200828170526002430.html


© 2021 Bloque Nacionalista Galego das Mariñas

Bloque Nacionalista Galego 

Travesía da Torre, 2, 1º

(15300) Betanzos

Correo electrónico: marinhas@bng.gal

Teléfono : 981776466