Comprometémonos a seguir traballando nunha oposición construtiva para conseguir melloras para Paderne

“Despois de ter intentado chegar a un acordo co PSOE que pasaría pola dimisión do actual alcalde e por un obrigado cambio nas formas caciquís e clientelares que rexen no concello, e constatar que o PSOE local non está disposto a facilitar estes cambios imprescindíbeis para o BNG, na asemblea local celebrada onte tomamos a decisión de absternos”

Comprometémonos a seguir traballando nunha oposición construtiva para conseguir melloras para Paderne

Paderne, 11 de xuño de 2019. O BNG anunciou que se absterá no Pleno do sábado de elección do alcalde. “Despois de ter intentado chegar a un acordo co PSOE que pasaría pola dimisión do actual alcalde e por un obrigado cambio nas formas caciquís e clientelares que rexen no concello, e constatar que o PSOE local non está disposto a facilitar estes cambios imprescindíbeis para o BNG, na asemblea local celebrada onte tomamos a decisión de absternos”, explicou o portavoz do BNG, Manel Pérez.

“A veciñanza non nos deu forza abondo para optar á alcaldía e polo tanto a decisión da asemblea local é non presentar a nosa candidatura e absternos na votación”, explicou o portavoz nacionalista. “Non imos chegar a ningún tipo de acordo mentres non se produza un cambio nas formas de facer política que obrigatoriamente para o BNG ten que pasar por un cambio cara a igualdade de trato e oportunidades para todas as veciñas e veciños e para todas as empresas e pola transparencia e a participación veciñal nos temas de importancia para o concello. Entendemos que isto non é posíbel mentres non se produza un cambio no PSOE, xa que o actual alcalde simboliza o peor desta política clientelar no noso concello”, engadiu.

“Seguiremos traballando todos os días con forza e ilusión para conseguir o mellor para Paderne desde a oposición que é onde a veciñanza nos colocou cos seus votos”, engadiu o concelleiro do BNG, “e queremos agradecer o incremento no apoio da nosa veciñanza que aínda que non foi abondo para lograr un segundo concelleiro si que supón un avance con respecto aos resultados de hai catro anos. A todas as veciñas e veciños que confiaron no BNG queremos trasladarlles que non se van arrepentir porque imos traballar e condicionar co noso voto o que poidamos para conseguir avances para o noso concello”.