Demandamos que se cubran as vacacións do persoal sanitario en Oza-Cesuras

Estefanía Busto é a portavoz do BNG en Oza-Cesuras
Estefanía Busto é a portavoz do BNG en Oza-Cesuras

Apelamos á ambición do alcalde, para que reclame do goberno da Xunta que se cubran esas prazas durante as vacacións, garantindo así o dereito de toda a veciñanza ao acceso á saúde.

Demandamos que se cubran as vacacións do persoal sanitario en Oza-Cesuras

Oza dos Ríos, 21 de xullo de 2020. O BNG de Oza e Cesuras presentou un escrito dirixido ao alcalde para que, en nome do Concello, demande da Consellaría de Sanidade que se cubran as vacacións do persoal do centro de saúde de Oza dos Ríos. “Recentemente tivemos constancia de que non se están a cubrir as baixas dos facultativos no ambulatorio de Oza nin do de Cesuras, polo que só hai unha médica de familia, que xa ten a súa propia axenda e as citas estanse programando con máis dunha semana de prazo”, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello de Oza-Cesuras. “Tamén tivemos queixas de que non se cubriu a baixa da pediatra, que compartimos entre os dous ambulatorios e con Abegondo”, engadiu.

“Sabemos que esta é unha situación que se vén dando nos últimos anos e que o noso concello e a comarca teñen grandes eivas en materia sanitaria: pediatría, matrona..., que de xeito intencionado están deteriorando; ao que no verán se lle suma a falta de persoal que substitúa as vacacións”, expuxo Busto, “É por isto que apelamos á ambición do alcalde, para que reclame do goberno da Xunta que se cubran esas prazas durante as vacacións, garantindo así o dereito de toda a veciñanza ao acceso á saúde”.

“O compromiso da Xunta de Galiza co noso concello non pode quedar nun eslogan baleiro como premio á fusión e un alcalde que se di pioneiro ha de estar á altura da nosa veciñanza, e máis nun momento tan delicado como o que estamos a vivir, no medio dunha grave crise sanitaria, non nos podemos permitir xogar coa saúde e mesmo coa vida das persoas”, concluíu Busto.

Demandamos que se cubran as vacacións do persoal sanitario en Oza-Cesuras