O BNG apoiou a manifestación convocada en Curtis en contra dos proxectos eólicos

O BNG presentou alegacións a todos estes proxectos e iniciativas tanto no Congreso dos Deputados, a través do seu representante Néstor Rego, como no Parlamento de Galiza para que se paralice a tramitación destes megaparques

“Defendemos paralizar toda tramitación de proxectos eólicos na Galiza e elaborar unha planificación con criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio”

O BNG apoiou a manifestación convocada en Curtis en contra dos proxectos eólicos

Curtis, 2 de abril de 2022.- O BNG apoiou a manifestación convocada esta tarde en Curtis en contra dos proxectos eólicos. Á marcha, convocada polas plataformas veciñais en contra dos parques eólicos acudiron as deputadas Mercedes Queixas e Iria Carreira e o deputado do BNG Mini Rivas, Lucía López da executiva nacional, xunto cos responsábeis das comarcas afectadas e militantes e simpatizantes nacionalistas. 

Desde o BNG apoiaron á veciñanza dos concellos afectados – Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Betanzos, Vilasantar, Abegondo, Carral, Cerceda, Sobrado, Mesía, Frades, Monfero, Paderne, Ordes, Boimorto e Guitiriz- pola multitude de proxectos eólicos e as súas liñas de evacuación. “Son concellos onde xa se estaban tramitando outros parques eólicos,  liñas de alta tensión e subestacións. Existe un importante descontento veciñal pola tramitación destes proxectos a escasa distancia das vivendas e cun importante impacto no patrimonio tanto natural como cultural”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. 

O BNG presentou alegacións a todos estes proxectos e iniciativas tanto no Congreso dos Deputados, a través do seu representante Néstor Rego, como no Parlamento de Galiza para que se paralice a tramitación destes megaparques. “Defendemos paralizar toda tramitación de proxectos eólicos na Galiza e elaborar unha planificación con criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio”, explicou Mini Rivas, deputado do BNG. 

“Os parques eólicos que se pretenden instalar nesta mesma zona, non repercuten, en absoluto, de maneira positiva na economía da veciñanza dos  concellos afectados. Non serven para o desenvolvemento socioeconómico das poboacións próximas nin xera riqueza no territorio, todo o contrario, contribúe ao abandono rural pois impide o desenvolvemento doutras iniciativas empresariais de aproveitamento agrogandeiro e forestal, sen xerar alternativas de emprego a cambio”, engadiu o deputado do BNG. 

“Imos sufrir as consecuencias de vivir con muíños eólicos de 200 metros de altura a escasos 500 metros dos núcleos de poboación, e mesmo a menos no caso de vivendas ailladas, mentres o beneficio vai ir para as grandes empresas do sector eléctrico. Por exemplo, só no proxecto de Parque eólico Caíño, hai 29 núcleos de poboación a menos dun quilómetro dos muíños”, concluíron desde o BNG. 

O BNG apoiou a manifestación convocada en Curtis en contra dos proxectos eólicos