O BNG demanda melloras urxentes na atención sanitaria no centro de saúde de Coirós

Centro de saúde de Coirós
Centro de saúde de Coirós

A voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño exixe a dotación inmediata de profesionais médicos para recuperar a atención presencial sen prexuízo das consultas domiciliarias

O BNG demanda melloras urxentes na atención sanitaria no centro de saúde de Coirós

Coirós, 17 de Decembro de 2020. A voceira do BNG en Coirós, Pura Ferreño exixe a dotación inmediata de profesionais médicos para recuperar a atención presencial sen prexuízo das consultas domiciliarias.

Comeza a voceira nacionalista indicando que “O Centro de saúde de Coirós é onde as veciñas e veciños acudimos para solucionar os nosos pequenos, ou incluso grandes, problemas de saúde. Mais é tamén onde se nos abren as portas para acceder a probas específicas ou a consultas nas especialidades”.

É necesario pois “que contemos cunha equipa de persoal xeral, de enfermería e doutoras con quen poidamos establecer unha relación fluída e permanente no tempo que garanta coñecemento e confianza mutua” continúa Ferreño.

Indican desde o BNG que “Os recortes continuados ao longo de moitos anos de gobernos do PP na Xunta de Galiza, teñen ocasionado un deterioro manifesto na sanidade pública galega (listas de agarda, peche de camas hospitalarias, falta de substitución de profesionais, abuso da contratación eventual). Na nosa comarca, coma en toda Galiza, nótanse estes efectos tanto nas especialidades coma na atención primaria, cuestión esta que levamos anos denunciando desde o BNG”.

“Coa chegada da pandemia da Covid-19 a situación non fixo máis que agravarse” sentencia Pura Ferreño. Tamén detalla que unha atención primaria baseada fundamentalmente na atención telefónica e as dificultades para solicitar de citas por teléfono, nomeadamente para as persoas anciás, ocasionaron empeoramento xeral da resposta sanitaria con atrasos nas diagnoses e nos controis de enfermidades crónicas que, segundo Ferreño,  poden resultar moi graves.

“Son moitas as persoas que nos fixeron chegar as súas queixas posto que lles custa moito explicarse por teléfono para contarlle á médica o que lles pasa” asegura a voceira nacionalista.

O concello de Coirós conta con un centro de saúde que ten unha equipa formada por :1 doutora, 1 enfermeira e 1 persoa de servizos xerais. Indica Ferreño que “neste momento, ante unha ausencia prolongada da doutora titular, levamos xa varios cambios de profesional médico co conseguinte prexuízo para as veciñas e veciños”.

Continúan dicindo as nacionalistas “ Valoramos moi positivamente o esforzo de todas as profesionais que pasan polo noso centro de saúde, mais é innegable que resulta complexo dar resposta ás demandas dunha poboación envellecida, moita dela con extensos historiais médicos, á que non se coñece. Tamén é  practicamente imposíbel facer visitas domiciliarias sen desatender a atención telefónica ou presencial, nomeadamente cando nalgúns casos se ben na obriga de compatibilizar nun mesmo día traballo en distintas localidades”.

Remata Pura Ferreño indicando que demandarán no vindeiro pleno un acordo para “Instar á Xunta de Galiza a dotar de inmediato o centro de saúde de Coirós dunha doutora ou doutor que cubra de maneira continuada a ausencia da médica titular” Pedirán tamén “que se aumente o persoal sanitario no centro de saúde de Coirós para garantir a atención presencial e manter a asistencia nos domicilios ás persoas dependentes ou con dificultades de mobilidade”.

O BNG demanda melloras urxentes na atención sanitaria no centro de saúde de Coirós