Apoiamos ás demandas do persoal do PAC de Curtis e asistirá a concentración convocada para o vindeiro 27 de xaneiro

PAC de Curtis
PAC de Curtis

O BNG animou á veciñanza dos concellos afectados a participar nesta concentración para reclamar ao goberno galego unha asistencia sanitaria digna que pasa por investir e contratar persoal no PAC de Curtis. Os nacionalistas adiantaron tamén a asistencia á concentración de Mini Rivas Cruz, deputado do BNG no Parlamento galego

Apoiamos ás demandas do persoal do PAC de Curtis e asistirá a concentración convocada para o vindeiro 27 de xaneiro

Aranga, 15 de xaneiro de 2019. O BNG fixo público o seu apoio ás demandas do persoal do PAC de Curtis e apoiará a concentración convocada para o vindeiro 27 de xaneiro. “É intolerábel a situación en que o PP ten a sanidade nos catro concellos – Curtis, Vilasantar, Sobrado e Aranga- que dependen deste PAC, cunha evidente falta de persoal que ademais non se substitúe nas baixas nin nas vacacións e que queda sen atención sanitaria cando o persoal ten que saír a visitas domiciliarias”, explicaron desde o BNG.

“Os veciños e veciñas do rural temos dereito a uns servizos de calidade igual que os que viven nas áreas das cidades”, indicou o portavoz do BNG en Aranga, Carlos Díaz. “E estamos sufrindo as consecuencias dos recortes en maior medida xa que ao ter menos persoal e servizos máis precarios a falta de cobertura das baixas ou das vacacións déixanos literalmente sen servizos”, engadiu.

Os nacionalistas recordaron que levan anos trasladando nas emendas aos orzamentos da Xunta a necesidade de contratar persoal para o servizo de Pediatría e que xa denunciaron a falta de persoal no centro de saúde de Muniferral que o verán anterior fixo que mesmo se pechase o centro obrigando ás persoas usuarias a desprazarse para recibir o servizo.

“Agora mesmo o horario de atención no centro de saúde da Castellana é de 9:15 a 11:45 horas porque despois teñen que facer visitas domiciliarias. Parécenos que non é un servizo de calidade nin sequera digno o que se presta 2 horas e media ao día”, criticou o portavoz nacionalista

O BNG animou á veciñanza dos concellos afectados a participar nesta concentración para reclamar ao goberno galego unha asistencia sanitaria digna que pasa por investir e contratar persoal no PAC de Curtis. Os nacionalistas adiantaron tamén a asistencia á concentración de Mini Rivas Cruz, deputado do BNG no Parlamento galego.