Criticamos que o goberno local pida un novo préstamo sen previsión ningunha de como devolvelo

O BNG-Asembleas abertas de Miño cualificou de lamentábel o Pleno celebrado esta mañá “no que o alcalde e o Partido Popular acordaron pedir un novo préstamo ao Estado de 1 543 618 euros para pagar as sentenzas firmes pendentes de pago por Costa Miño Golf, sen facer previsión ningunha de como se van asumir os pagos que non ían incluídos no Plan de axuste aprobado hai 2 semanas”

Criticamos que o goberno local pida un novo préstamo sen previsión ningunha de como devolvelo

Miño, 18 de agosto de 2017. O BNG-Asembleas abertas de Miño cualificou de lamentábel o Pleno celebrado esta mañá “no que o alcalde e o Partido Popular acordaron pedir un novo préstamo ao Estado de 1 543 618 euros para pagar as sentenzas firmes pendentes de pago por Costa Miño Golf, sen facer previsión ningunha de como se van asumir os pagos que non ían incluídos no Plan de axuste aprobado hai 2 semanas”, criticou a portavoz do BNG-AA, Olalla Barro.

“A interventora recoñece que o concello non tería capacidade para asumir o pago deste crédito entre os anos 2019 e 2025 polo que tería que aprobar un novo plan de recortes e subida de taxas que pagaremos todos os veciños e veciñas. Mentres o PP que provocou esta situación coas súas decisións urbanísticas segue gobernando e non asumiron ningunha responsabilidade sobre a situación que provocaron”, criticou a portavoz nacionalista.

“O goberno local segue coa súa política de fuxida cara adiante agardando a que pase o tempo sen un plan de futuro sobre como afrontar a máis que preocupante situación económica de Miño que os socios do alcalde provocaron”, indicou Barro, “lamentamos a falta de seriedade e de planificación do goberno local cando xoga con millóns de euros de cartos públicos que imos ter que pagar todos os veciños e veciñas”.

“Hai dúas semanas aprobouse un plan de axuste para pagar só os xuros do préstamo anterior e que xa a propia interventora advertía que ía ser insuficiente para facer fronte aos pagos e hoxe levan a Pleno un novo préstamo sen información ningunha de como o pensan devolver, é unha tremenda irresponsabilidade”, engadiu a portavoz do BNG.

As nacionalistas criticaron a falta de información e transparencia do goberno local que non transmitiu esta vez o Pleno como se comprometera a facer con todas as sesións a través da web municipal e convoca ás sesións plenarias as 9 da mañá para impedir a asistencia das veciñas e veciños.  

O BNG lamentou que o goberno desestimara as súas alegacións sobre a ORA

No Pleno celebrado esta mañá o goberno decidiu aprobar definitivamente a nova modificación da ordenanza da ORA e non ter en conta as alegacións presentadas polo BNG. “O informe da interventora di que nada obriga a ter en conta criterios de capacidade económica á hora de establecer unha taxa e o alcalde, que se presentou como a esquerda da esquerda, agarrase á lei para non aceptar as nosas propostas”, explicou a portavoz do BNG.

As nacionalistas pedían nesta alegación que se suprimise a ORA por ser prexudicial para os veciños e veciñas de Miño.