Denunciamos que o goberno local aplica un herbicida de hai 10 anos sen control nin garantías para a poboación

Sergio Boado é o portavoz do BNG de Irixoa
Sergio Boado é o portavoz do BNG de Irixoa

"Moito máis grave que o incumprimento administrativo é o feito de que non se tomaron as medidas de seguridade para a poboación"

Denunciamos que o goberno local aplica un herbicida de hai 10 anos sen control nin garantías para a poboación

Irixoa, 27 de setembro de 2019. O BNG denuncia que o goberno local de Irixoa aplicou herbicida que posúe dende hai 10 anos ao longo das beirarrúas do núcleo urbano. "Hai dous meses que pedimos por escrito,  ao comprobar que estaban aplicando herbicidas, que se nos facilitase a copia do libro de rexistro de aplicación de fitosanitarios", relata Sergio Boado, portavoz municipal do BNG. "Dous meses despois e seguen sen contestar, polo que levamos a pregunta ao pleno ordinario do día 25 setembro", prosegue o edil nacionalista.

"Nun primeiro momento contestou o concelleiro de cultura e deportes que expuxo que so se aplicara un herbicida de uso doméstico e polo tanto non facía falta ter carnet de aplicador", explicou o portavoz do BNG. Pero ante a insistencia do nacionalista por coñecer os datos do libro de rexistro "pois o alcalde delatou que non tiñan tal rexistro nin coñecía a obrigación de tal cousa". Ante a gravidade das declaracións, o nacionalista pediu que dera máis explicación o responsábel de tal actuación en solo público polo que se deu a palabra ao concelleiro de Obras e Servizos, o cal se xustifica en que “foi súa a orde da aplicación aos empregados municipais con un produto que non se acorda o nome porque xa o compraran hai 10 anos".

"A situación parecía surrealista, aplican non saben o que e non levan rexistro de nada e incúmprese toda a normativa", advirte Sergio Boado. "Ademais de ser unha grave irregularidade, parécenos unha neglixencia e unha temeridade" engade. "Moito máis grave que o incumprimento administrativo é o feito de que non se tomaron as medidas de seguridade para a poboación", destaca. "Que clase de responsabilidade ten alguén que permite que se aplique un herbicida nunha beirarrúa onde están a pasar os peóns. Iso si, paraban a aplicación para que os clientes puidesen entrar no banco do pobo", finaliza con sarcasmo.