O BNG comprometeuse nun encontro coa comunidade de propietarios do polígono de Bergondo a estudar a súa ampliación

Solución para as inundacións, viveiro de empresas e centro de transformación de produtos agropecuarios foron outros dos compromisos do BNG

O BNG comprometeuse nun encontro coa comunidade de propietarios do polígono de Bergondo a estudar a súa ampliación

Bergondo, 14 de febreiro de 2024.- O BNG comprometeuse está mañá nun encontro coa comunidade de propietarios do polígono de Bergondo a buscar unha solución ao problema de inundacións que veñen sufrindo desde hai anos. No encontro participaron o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro, xunto con Mon Fernández e Cristina López, candidato e candidata do BNG ao Parlamento de Galiza.

“Trátase dun problema que se ven arrastrando desde a construción do polígono, xa que ao non haber separación de pluviais e fecais e non estar rematado de executar o saneamento ao completo cando chove desborda e inunda as naves sobre todo da parte baixa”, explicou o portavoz do BNG, David Carro. “Hai tempo que vimos reclamando un tanque de tormentas ao lado da depuradora que xa debera estar feito”, engadiu. “Este problema provoca verteduras no río Maior, que desemboca na Ría de Betanzos, na praia de Sada, afectando á calidade da auga da Ría”, indicou. 

O candidato ao Parlamento de Galiza, Mon Fernández, comprometeuse coa comunidade de propietarios a colaborar desde o goberno da Xunta en todo o necesario para buscarlle solución a este problema, tanto para as empresas propietarias como para a calidade da auga do Río Maior e da Ría de Betanzos. 

Viveiro de empresas e centro de transformación agropecuario

Desde o BNG anunciaron tamén a creación dun viveiro de empresas e un centro de transformación de produtos agropecuarios no antigo edificio do LIGAL, que leva abandonado desde o 2012. “Levamos anos pedindo nas nosas emendas aos orzamentos da Xunta que se reserve crédito para esta obra, mais o PP sempre votou en contra. A pesar do acordo unánime do Pleno de Bergondo”, informou David Carro. 

“É unha forma de apoiar a creación de pequenas empresas e de facilitar aos produtores da comarca a transformación dos seus produtos para que teñan un maior valor engadido”, explicou Mon Fernández. 

Ampliación do polígono

“O polígono ten moita demanda e quédase pequeno. Desde o BNG apostamos por ampliar nos terreos que antes ocupaba o Centro de Bos, pechado desde hai anos. Eses terreos quedaron sen actividade, salvo unha parte que cedida a "Proyecto Hombre”.  Consideramos que pode ser factíbel que se manteña a súa labor e ampliar o polígono cara aí xa que a extensión e grande abondo. Eses terreos xa son propiedade da Xunta polo que se axilizarían os trámites e ademais conectaríamos co polígono de Espiritu Santo, creando así un polo industrial e sinerxías entre os dous”, engadiu o candidato do BNG. 

O BNG comprometeuse nun encontro coa comunidade de propietarios do polígono de Bergondo a estudar a súa ampliación