Imprimir

David Carro será o candidato á alcaldía de Bergondo para as municipais

bngasmarinhas | 21 de Outubro de 2018

David Carro, candidato á alcaldía de Bergondo
David Carro, candidato á alcaldía de Bergondo

“No BNG traballamos con humildade e honestidade facendo propostas serias para cambiar o noso concello. Bergondo precisa xente seria, honesta, con ‘sentidiño’ e ideas claras”

Bergondo, 20 de outubro de 2018. O BNG presentou nun acto público no Local social de Santa Marta o seu candidato para as vindeiras eleccións municipais, que será o actual responsábel local David Carro. Carro, que xa fora o candidato da formación nacionalista nas anteriores eleccións municipais naceu en Lubre, aínda que parte da súa familia é da parroquia de Guísamo. Traballa nunha pequena empresa no polígono de Bergondo e colabora tamén na directiva dunha asociación de música tradicional do concello.

“Vivimos unha lexislatura convulsa, con varios capítulos de transfuguismo, persoas que se presentan dentro dun proxecto mais priorizan o seu interese persoal sobre o colectivo. O concello parece máis unha feira de siglas e cargos que unha institución. No BNG somos outra cousa, traballamos con humildade e honestidade facendo propostas serias para cambiar o noso concello. Bergondo precisa xente seria, honesta, con ‘sentidiño’ e ideas claras”, explicou o candidato nacionalista.

Xunto con David Carro, conformarán a candidatura do BNG Miguel Angel Nogueira Canle de Ouces, José Francisco Barreiro Prado – Paco de Curuxo- de Guísamo, Margarita Esteban de Lubre, Lourenzo Castro de Carrio, Ana Tacón tamén de Ouces e Oscar Pousada de Carrio. “Presentámonos con forza e ilusión para ser útiles á veciñanza de Bergondo e provocar o cambio que Bergondo precisa. Fronte a un goberno local do PSOE que  leva moitos anos gobernando o noso concello sen un proxecto de futuro, deixando pasar o tempo mentres Bergondo parece que está ancorado no século pasado no BNG presentámonos para ser a alternativa de todos aqueles veciños e veciñas que queren outro Bergondo”, explicou Carro.

Despois da presentación o BNG celebrou o seu xa tradicional Magosto ao que asistiu tamén o deputado nacionalista, Xosé Luís Rivas “Mini”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/bergondo/bergondo-20-outubro-2018-bng-presentou-nun-acto-publico-local-social-santa-marta-seu-candidato-vindeiras-eleccions-municipais-sera-actual-responsabel-local-david-carro-carro-xa-fora-candidato-da-formacion-nacionalista-nas-anteriores-eleccions-municipais-n/20181021101411002202.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego das Mariñas

Bloque Nacionalista Galego 

Travesía da Torre, 2, 1º

(15300) Betanzos

Correo electrónico: marinhas@bng.gal

Teléfono : 981776466