Demandamos o mantemento dos muíños do río do Medio, en Miño

"É un exemplo máis do abandono do patrimonio do noso concello. Son un patrimonio singular e único polo que apostar para desestacionalizar o turismo e non depender a economía da vila de se ven un bo ou mal verán".

Demandamos o mantemento dos muíños do río do Medio, en Miño

Miño, 29 de xuño de 2018. O BNG denunciou o estado de abandono que presentan os muíños do río do Medio. "Cubertas caídas, elementos desprendidos, tellados arruinados, abandono e sucidade son canto pode ver calquera que se achegue a este entorno", advirte Henrique Abraira, responsable local das nacionalistas miñenses.

Desde o BNG lembran que na rehabilitación destes muíños Concello e Xunta investiron 105 000 euros, mediante un convenio polo que o goberno galego, a través da desaparecida Fundación Comarcal de Betanzos, puxo 90 000 euros. "A día de hoxe son cartos tirados vendo como locen", lamenta o nacionalista.

"É un exemplo máis do abandono do patrimonio do noso concello", lamentan desde o BNG. As nacionalistas entenden que "a aposta polo patrimonio histórico e ambiental é a saída que ten Miño para xenerar actividade e desenvolvemento propio en torno ao turismo de maneira desestacionalizada". "Miño é moito máis que media ducia de praias. aínda que o goberno de Ricardo Sánchez Oroza e o PP non se queiran decatar", ironizan.

PHOTO-2018-06-29-14-32-36 (1)PHOTO-2018-06-29-14-32-35 (1)PHOTO-2018-06-29-14-32-35

Patrimonio, a baza para desestacionalizar o turismo

Neste sentido, lembran que elementos como estes muíños, as mámoas destrozadas no entorno de Costa Miño Golf, o Camiño Inglés ou elementos singulares coma o muíño de vento de Bemantes "son un patrimonio singular e único polo que apostar para desestacionalizar o turismo e non depender a economía da vila de se ven un bo ou mal verán". 

Neste sentido, Abraira indica que "cun investimento moito menor ao das casetas da praia de Oroza e o PP teriamos todo este potencial ao servizo da veciñanza e mais de quen queira visitar ese outro Miño que o PP se emperrou en ocultar e demoler".