En resposta ao BNG, a Comisión Europea asegura que pedirá explicacións pola EDAR de Gandarío

En resposta ao BNG, a Comisión Europea asegura que pedirá explicacións pola EDAR de Gandarío

gandarioBergondo, 9 de abril de 2014. A Comisión Europea asegurou que “pedirá aclaracións ás autoridades españolas e decidirá en consecuencia os pasos que haxa que dar” en relación coa depuradora de Gandarío. Bruxelas responde así a unha pregunta formulada polo BNG no Parlamento Europeo no que os nacionalistas preguntaban se “vai a apercibir a Comisión a Goberno galego da alternativa a esta perigosa ubicación que contradiría as recomendacións europeas en materia de saneamento e depuración de augas”.

O executivo comunitario respondeu á eurodeputada do BNG Ana Miranda que “a Comisión toma nota da aprobación polo Goberno galego dunha estación depuradora de augas residuais en Gandarío, que estará situada no límite do Lugar de Importancia Comunitaria ES1110007 Betanzos-Mandeo”. Bruxelas respalda así a preocupación dos nacionalistas, que advertían na súa iniciativa de que “a situación da depuradora está no límite do Lugar de Importancia Comunitaria Betanzos-Mandeo, e a distancia estimada ás zonas dos bancos de moluscos é inferior a 1 500 metros, co que a afectación por augas fecais vai ser irreversible”.

Ana Miranda: “esta resposta abre novas oportunidades para seguir traballando sobre este tema no Parlamento Europeo”

Ana Miranda comunicou a resposta da Comisión Europea directamente á veciñanza de Gandarío no encontro que tivo lugar onte. A candidata do BNG ao Parlamento Europeo explicoulles que “esta resposta abre novas oportunidades para seguir traballando sobre este tema no Parlamento Europeo”. Nacionalistas e veciñanza acordaron varias iniciativas para continuar a presionar a Xunta e Concello para que dean marcha atrás e opten por outro sistema de saneamento que non teña impacto na actividade pesqueira e turística da zona.

En resposta ao BNG, a Comisión Europea asegura que pedirá explicacións pola EDAR de Gandarío