O BNG tributará hoxe a súa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo

O BNG celebrará hoxe a súa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo, ao pé do monumento dedicado ao escritor e intelectual en Betanzos. O acto, que contará cun recital poético e música ao vivo, terá como respaldo unha exposición no propio peirao que trata de resumir a vida e obra polas que o intelectual provincialista merece o recoñecemento público.

O BNG tributará hoxe a súa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo

Betanzos, 23 de agosto de 2014. O BNG celebrará hoxe a súa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo, ao pé do monumento dedicado ao escritor e intelectual en Betanzos. O acto, que contará cun recital poético e música ao vivo, terá como respaldo unha exposición no propio peirao que trata de resumir a vida e obra polas que o intelectual provincialista merece o recoñecemento público.

“En 2004 o Pleno do Concello acordou tributar unha homenaxe pública e posta en valor da figura de Faraldo” recordan os nacionalistas. “Nin o goberno do PSOE nin antes o do PP cumpriron con este acordo e mesmo tivo que ser o BNG quen colocase unha placa no monumento indicando que fixera Faraldo para merecer honras públicas”, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río. “A figura de Antolín Faraldo continúa a ser incómoda para os herdeiros dos centralistas que el combateu na década de 1840”, apuntou.

Por este motivo, o BNG deseñou e publicou unha exposición que a través de varios paneis repasa a ideoloxía provincialista, a Revolución Galega de 1846 e a biografía e escritos de Faraldo. A iniciativa continúa o ciclo “Viva a Revolución Galega de 1846” organizada o pasado mes de abril polo BNG e as asociacións culturais Abril de Lume e Ferro, Roxín Roxal e Eira Vella. “É un pequeno xesto de desagravio, mais Betanzos continúa a ter unha enorme débeda pendente coa figura de Antolín”, indica o edil do BNG.

Desde as oito e media do serán terá lugar un recital de poesía, un concerto do grupo de gaitas da asociación A Triqueta e unha ofrenda floral. Unha exposición explicará a vida e obra de Antolín Faraldo

Así, cando remate a homenaxe que os nacionalistas tributan cada ano a este senlleiro conveciño, cantas persoas visiten o seu monumento poderán coñecer que Antolín Faraldo foi xornalista e escritor e un dos primeiros pensadores do que logo deveu en ser o nacionalismo galego. “Secretario da Xunta Superior de Goberno de Galiza no alzamento de 1846 que rematou co sacrificio dos Mártires de Carral”, recorda a placa financiada polo BNG o pasado ano. A idea dos nacionalistas é que a exposición teña carácter itinerante de forma que toda a veciñanza de Betanzos e a comarca poidan coñecer quen foi Antolín Faraldo.

A homenaxe comezará ás 20:30 h ao pé do busto de bronce de Faraldo cunha lectura, a cargo do propio público, de diversos pasaxes da súa propia obra, así como poesía de diversos autores. A cita, logo dunha ofrenda floral participada por todas as persoas asistentes e o canto do Himno Galego, terá por peche un pequeño concerto do grupo de gaitas da asociación A Triqueta