Sen executar o 67% do orzamento de Paderne para investimentos do ano 2016

manel
manel

O BNG critica que o goberno local deixara sen executar o 67% do orzamento para investimentos do ano 2016 e anunciaron que presentarán alegacións

Sen executar o 67% do orzamento de Paderne para investimentos do ano 2016

Paderne, 4 de agosto de 2017. O BNG critica que o goberno local deixara sen executar o 67% do orzamento para investimentos do ano 2016 e anunciaron que presentarán alegacións. “A pasada semana foi a aprobación na comisión especial de contas a conta xeral do ano pasado que actualmente está en período de información pública para que calquera persoa a poida consultar. A conta xeral pon de manifesto a deixadez e falta de traballo do goberno local que deixou sen executar mais da metade dos cartos do investimento”, explicou o portavoz do BNG, Manel Pérez.

“Concretamente o goberno local non executou os case 37 mil euros que recibiu da deputación para investimentos na rede de saneamento nin os consignados para abastecemento de auga, temas nos que ademais o noso concello ten un importante déficit”, indicou o voceiro do BNG. “Tampouco se executaron máis de 7 mil euros do orzamento que se reservaban para infraestruturas de transporte, a pesar de que desde o BNG trasladamos a Pleno unha moción para que se substitúan as marquesiñas, que están nun estado lamentábel”.

Os nacionalistas criticaron tamén que o concello non gastara un só euro do orzamento reservado ao funcionamento de centros educativos. “Temos dúas unitarias, a de Areas e a de San Pantaleón, e segundo a conta xeral non se gastou un só euro nin de investimento nin de gasto corrente -dos 3000 euros reservados- en melloras nestes centros”, criticou o concelleiro do BNG.

“O que si gastou foron as partidas reservadas para servizos privatizados, onde gastou aínda 18 mil euros máis dos 227 mil que tiña reservados no orzamento de 2016”, ironizou Manel Pérez. “Tamén gastou os 40 mil euros do seu salario máis 12 mil de gastos de seguridade social, o salario máximo que permite a lei para un concello da poboación de Paderne”, concluíu o concelleiro nacionalista.
 

Sen executar o 67% do orzamento de Paderne para investimentos do ano 2016