Rosana Pérez pregunta polo tren incendiado en Oza dos Ríos e demanda unha mellora dos trens

Rosana Pérez pregunta polo tren incendiado en Oza dos Ríos e demanda unha mellora dos trens

Madrid, 23 de decembro 2014. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa dirixida ao Ministerio de Fomento para preguntarlle cal foi a causa do incendio que se produciu no tren de media distancia A Coruña-Monforte de Lemos o pasado sábado 20 de decembro.

Rosana Pérez alude ao incidente sucedido o sábado pola tarde cando un tren de media distanza, os chamados “rexionais”, facía o traxecto de A Coruña a Monforte e sufriu un incendio nunha das súas locomotoras. No tren viaxaban 20 persoas que en metade da viaxe detectaron un fume espeso que inundou os vagóns.

Perante esta situación, o maquinista detivo o tren en Oza dos Ríos e os pasaxeiros foron desaloxados. Debido a que non se puido apagar o lume cos extintores, os servizos de Renfe víronse obrigados a solicitar a axuda dos bombeiros de Betanzos que  tardaron máis de hora e medida en rematar os traballos. Os viaxeiros subiron a outro tren que pasou por Oza dos Ríos ás 21.30 horas.

Os servizos “rexionais” deberían ser mellorados

Rosana Pérez lembra que os trens de media distanza adoecen de deficiencias e “desde logo non son a vangarda da modernidade”. Critica o abandono do tren convencional na Galiza, e subliña que o BNG demandou en moitas ocasións unha mellora do material rodante do denominado servizo rexional, “que consideramos podería contar con trens máis avanzados e más propios do século XXI”.

“No mesmo saco temos que poñer a conexión A Coruña-Ferrol, outro exemplo de máquinas históricas, totalmente obsoletas”. Considera a deputada do BNG que este feito debería servir para que Renfe procedese a un repaso da infraestrutura que utiliza nos servizos de media distanza na Galiza.

A deputada do BNG considera que “hai un total abandono do tren convencional na Galiza”

Razón pola que formula ao Ministerio unha batería de preguntas:

“Cando se realizou a última revisión do  tren incendiado? Qué tipo de tren é? Que trens destina Renfe á media distanza na Galiza? Non cre que cun material rodante máis moderno, propio do século XXI, acurtaríanse os tempos de viaxe?”. Asemade, interésase polos viaxeiros e pregunta que indemnizacións recibiron e canto tempo tiveron que agardar desde que desaloxaron o tren.

Rosana Pérez pregunta polo tren incendiado en Oza dos Ríos e demanda unha mellora dos trens