O BNG presentou hoxe as súas alegacións ao orzamento de Bergondo

O BNG presentou hoxe as súas alegacións ao orzamento de Bergondo

davidBergondo, 24 de marzo de 2014. O BNG anuncia que ven de presentar as súas alegacións ao orzamento de Bergondo. Os nacionalistas, como xa reclamaran no seu día, alegan que o goberno local “para a confección do proxecto de orzamentos deu unha nula participación e consulta cidadá , xa que non contou coa opinión da cidadanía nin dos colectivos na redacción do mesmo”, explicou David Carro do BNG de Bergondo.

Os nacionalistas alegaron tamén que o orzamento  incumpre as previsións da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, que establece que as subvencións serán adxudicadas por regra xeral mediante procedementos de concorrencia competitiva e cun plano plano estratéxico de subvencións, poñendo de manifesto no mesmo os obxectivos e efectos que se pretenden coa súa aplicación, o prazo para a súa consecución, os custes previsíbeis e as fontes de financiamento.

“O orzamento prevé unha cantidade de 85 300 euros en subvencións de adxudicación nominativa a entidades e tan só 12 800 ás eventuais ordes de axudas en concorrencia competitiva para entidades. A maiores subvencionase con 1000 euros para cada festa patronal ou de parroquia de contía fixa ambas como transferencias para nominativas. É evidente que a regra xeral empregada na redacción do orzamento é o que a Lei prevé como excepcional”, indicou Carro.

“Propoñemos reducir o gasto innecesario, en publicidade ou dietas do goberno e incrementalo en políticas sociais como en financiar o copago de medicamentos ou nun plan de loita contra a violencia machista”

“Ademais no orzamento só se contemplan 15 000 euros para políticas de fomento do emprego, mentres Bergondo lidera a estatística de desemprego nas Mariñas, pola contra prevese un gasto de preto de 36 500 euros en festas. Propoñemos, polo tanto, que se reduza o gasto en festas populares e festexos e que se incorpore crédito a fomento do emprego”, engadiu.

“Neste orzamento destina 10 000 euros a publicidade e propaganda e tamén 17 000 euros para atencións protocolarias e representativas. Propoñemos que se rebaixen eses gastos e que se incorpore orzamento a acción social para dar cumprimento ao acordo plenario que recolle o copago dos medicamentos aos enfermos crónicos”, explicou Carro.

“O orzamento recolle tamén 111 249 euros en salarios e dietas do goberno, que nos parece a todas luces excesivo. Reclamamos que se reduza ese gasto e que se habilite un novo programa para fomento da igualdade e loita contra a violencia de machista e outro para un plan de fomento e normalización do galego”, concluíu David Carro.

O BNG presentou hoxe as súas alegacións ao orzamento de Bergondo