O BNG pide no Parlamento Europeo o cambio de modelo e emprazamento para a depuradora de Gandario

O BNG pide no Parlamento Europeo o cambio de modelo e emprazamento para a depuradora de Gandario

ana mirandaBergondo, 29 de novembro de 2013. A ex eurodeputada e actual secretaria de política internacional do BNG, Ana Miranda, ven de presentar unha iniciativa diante da Comisión Europea, a través da Coalición Europa dos pobos, sobre o proxecto de construcción dunha Depuradora na praia de Gandarío a petición dos veciños e veciñas afectados.

“A construción desta depuradora implica a destrución dunha zona húmida de hábitat de interese comunitario”, explica Miranda na súa iniciativa, “A situación da depuradora está no límite do Lugar de Importancia Comunitaria Betanzos-Mandeo, e a distancia estimada ás zonas dos bancos de moluscos é inferior a 1500 metros, co que a afectación por augas fecais vai ser irreversíbel”.

Os nacionalistas insisten en que varios informes de diferentes Consellerías da Xunta teñen informado desfavorabelmente da construción da EDAR nesa situación, así como do impacto no medio mariño, nunha zona extremadamente sensíbel por existir un banco de area paralelo á costa no que non hai renovación de augas, con incidencia na pesca e no marisqueo. Nomeadamente, a Consellería de Pesca do Goberno galego emitiu un informe afirmando que a situación da depuradora ten un alto risco de empeorar a calidade microbiolóxica das augas.

“É hora que a Comisión se reformule que os fondos de cohesión destinados a este fin, deben servir para realizar proxectos útiles, con situacións axeitadas, con todas as garantías medio ambientais”

“Considerando que España ten un procedemento de infracción aberto por falta de cumprimento de varias directivas relacionadas co saneamento das augas e a depuración, e considerando a necesidade de depuración das augas, é hora que a Comisión se reformule que os fondos de cohesión destinados a este fin, deben servir para realizar proxectos útiles, con situacións axeitadas, con todas as garantías medio ambientais”, explicou a Ana Miranda, “estas garantías que non se dan no caso da situación da depuradora de Gandarío”.

“Esta ubicación é un capricho gubernamental  que en lugar de atender as demandas cidadás que reclaman unha ou varias EDAR na situación correcta e que non produzan tanto impacto, ambiental, sobre os recursos mariños e sobre o turismo xa que estas augas de baño son moi apreciadas segue insistindo nunha ubicación inadecuada”, explican os nacionalistas na súa iniciativa.

Emendas aos orzamentos da Xunta

O BNG apoia as demandas dos veciños e veciñas afectados

O BNG presentou tamén dúas emendas aos orzamentos da Xunta que non foron atendidos polo Partido Popular. “Solicitamos que se dote con 200 000 euros a mellora da depuradora do polígono de Bergondo e que se transfira a súa xestión a augas de Galiza para asegurarnos dun mantemento adecuado”, explicou Cristina López, responsábel do BNG das Mariñas. “Pedimos tamén que se consignen 700 000 euros para executar o proxecto de saneamento descentralizado en Gandarío e Moruxo, en lugar da Depuradora na praia, xa que entendemos que sería moito mais sostíbel e non provocaría a destrucción da praia de Gandarío”.

“Pedimos de novo unha partida, neste caso de 3 000 000 de euros, para a rexeneración integral da Ría de Betanzos, que cada ano ten unha calidade das augas mais preocupante”, explicou a responsábel do BNG, “mais vese que para o PP o medio ambiente e a situación da Ría non é importante”.

O BNG pide no Parlamento Europeo o cambio de modelo e emprazamento para a depuradora de Gandario