O BNG demandará a fin da concesión da AP-9

O BNG demandará a fin da concesión da AP-9

Pura Ferreño, concelleira do BNG en Coirós

Coirós, 14 de maio de 2014. O BNG reclamará mañá no Pleno de Coirós que o Concello demande á Xunta a rebaixa dos prezos das peaxes nun 32%, “que é a porcentaxe de aumento das tarifas desde o inicio da crise económica no ano 2007” explica a voceira nacionalista, Pura Ferreño.

“O BNG leva demandando desde o inicio da grave crise económica que se tomen medidas para que a AP-9 exerza como unha vía de comunicación que vertebre o territorio e sexa accesíbel para todas as galegas e galegos” explica a edila nacionalista. Ferreño repasa as iniciativas presentadas polo BNG no Congreso e o Parlamento de Galiza para “que se conxelen ou se reduzan os prezos das peaxes na autopista do Atlántico”. “Tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado español, ambos en mans do PP, fan ouvidos xordos a esta demanda social da maioría de galegos e galegas” lamenta.

A moción presentada polo BNG advirte de que a AP9 “parte dun deseño de infraestruturas terrestres deseñado en Madrid, de xeito centralista e radial, alleo á realidade do país”. “Resulta significativo que o gasto en peaxes ao viaxar entre Madrid e Ferrol sexa menor (16,20 euros) que viaxar entre Ferrol e Vigo (17,65 euros)” denuncia Ferreño.

Por este motivo, o BNG demandará que a Xunta reclame á empresa concesionaria da autoestrada descontos similares aos que se aplican noutras vías similares en outros puntos do estado español. Ademais, piden á Xunta “exixir á empresa concesionaria que reinvista os seus multimillonarios beneficios na mellora da autoestrada, que adoece de deficiencias en moitos dos seus tramos, e na mellora da calidade do servizo que experimentou un empeoramento significativo”.

O BNG reclama novamente ao goberno do estado que dea por finalizada “a explotación privada da AP-9 en mans de AUDASA para convertela nunha autopista pública gratuíta que cumpra coa súa función de rede de comunicación que vertebra todo o territorio galego de norte a sur”. “É moita hora de que a Xunta de Galiza deixe de mirar para outro lado e asuma as demandas da cidadanía galega” asegura Ferreño.

Reposición do sistema universal de empréstito de libros de texto

O BNG presentou outra moción para demandar á Xunta que dea marcha atrás na súa política educativa e repoña o sistema de préstamo universal de libros de texto. “O recorte no programa de bolsas para libros de texto, a suba do IVE e a entrada en vigor da LOMCE poden facer que parte do alumnado non teña para comprar os libros de texto”, indica Pura Ferreño.

Por este motivo, os nacionalistas, logo de contrastar a iniciativa coas ANPAs galegas, reclaman que se avance na gratuidade total de todos os medios que se utilicen no ensino público galego. “E que os centros conten co persoal suficiente para xestionar estes programas”, conclúe a voceira nacionalista en Coirós.

O BNG demandará a fin da concesión da AP-9