Presentamos no Mandeo unha batería de iniciativas para poñer fin á contaminación no vertedoiro das Pías

rolda de prensa Mandeo

“Os rexeitamentos da planta de Nostián que acaban no nacemento do Mandeo non cumpren coa normativa no relativo ao contido de materia orgánica, e o que queremos é que Nostián funcione axeitadamente e ofreza compost de calidade ao país para recuperar as terras de cultivo”

Presentamos no Mandeo unha batería de iniciativas para poñer fin á contaminación no vertedoiro das Pías

Betanzos, 12 de setembro de 2019. O BNG presentou esta mañá a carón do Mandeo a batería de iniciativas que mañá defenderá no Parlamento de Galiza o deputado Xosé Luis Rivas, “Mini”, en relación á contaminación que sofre este río e a situación que está a darse na cabeceira do mesmo, en Sobrado. No acto público de prensentación, no betanceiro peirao das Monxas, estiveron o deputado, a responsábel comarcal do BNG na Montaña, Lucía López, e os voceiros do BNG en Sobrado e Betanzos, Xesús López e Henrique del Río, respectivamente, ademais das concelleiras do BNG nos municipios da bacía do Mandeo.

O voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río, repasou a “triste actualidade destes días, de vertidos que matan fauna e depuradoras que non fan o seu traballo”. Cuestionou que “aínda que o Mandeo teno todo, incluído na Rede Natura e nunha Reserva da Biosfera á que dá nome, as Administracións son incapaces de poñer fin a unha situación estrutural de constantes vertidos fecais e industriais, minicentrais, recheos e unha longa listaxe de agresións”.

“Semella que gobernos municipais e Xunta son incapaces de asumir que esta situación aféctanos directamente a todas, na saúde e nas oportunidades de termos riqueza e benestar a partir dos recursos que o río ofrece desde Sobrado até Miño ou Sada”, abundou. “Vainos a vida en poñer fin a estes vertidos ao Mandeo, en acabar coa situación que está a darse no seu nacemento”, engadiu.

Lucía López, responsábel do BNG na comarca da Montaña, demandou información pública “fiábel e veraz” ao Concello de Sobrado dos Monxes sobre os materiais que se están a botar en vertedoiros autorizados e ilegais nas inmediacións do nacemento do río. “Non é só lixo inerte, son metais pesados, residuos plásticos, envases de todo tipo tirados a saber en que estado”, relatou. “O mínimo que se lle pode exixir a un Concello é que informe á veciñanza sobre algo que está a acontecer no seu municipio”, engadiu.

Xosé Luís Rivas, deputado do BNG no Parlamento de Galiza, explicou que no día de mañá defenderá na Cámara varias iniciativas ante “a preocupación existente en relación coa contaminación das augas fluviais derivadas dos residuos e da xestión do vertedoiro das Pías, que xa no pasado estivo en entredito”.

Segundo o deputado nacionalista, “a situación deste vertedoiro, entre as nacentes dos ríos Tambre e Mandeo é normal que se xere unha importante preocupación social, pois destes ríos extráese auga para consumo humano ademáis de seren importantes enclaves ecolóxicos e culturais que cómpre preservar”.

“Queremos que Nostián funcione axeitadamente e dea compost de calidade ao país”

Cabe lembrar que este vertedoiro, ubicado na antiga canteira das Pías, recolle actualmente os residuos urbanos procedentes da Coruña e da súa área metropolitana, e que a súa xestión xa foi posta en entredito. “Dos iniciais residuos inertes que anunciaron que habería neste vertedoiro, comprobamos agora como se poden atopar residuos moi diversos desde plásticos pasando por metais e residuos orgánicos” salientou Rivas.

“Os rexeitamentos da planta de Nostián que acaban no nacemento do Mandeo non cumpren coa normativa no relativo ao contido de materia orgánica, e o que queremos é que Nostián funcione axeitadamente e ofreza compost de calidade ao país para recuperar as terras de cultivo”, finalizou o deputado nacionalista.

Presentamos no Mandeo unha batería de iniciativas para poñer fin á contaminación no vertedoiro das Pías