Néstor Rego: “reforzar o BNG é reforzar os intereses dos galegos e galegas”

Imaxe do encontro con Néstor Rego en Betanzos
Imaxe do encontro con Néstor Rego en Betanzos

O BNG chama a participar masivamente na mobilización do Día da Patria Galega en Compostela

Néstor Rego: “reforzar o BNG é reforzar os intereses dos galegos e galegas”

Madrid, 17 de xullo de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa nun acto público en Betanzos xunto coa voceira municipal da formación, Amelia Sánchez, onde animaron a toda a militancia e ás persoas que cren nas potencialidades do noso País a participar nos actos do Día da Patria Galega o 25 de xullo en Compostela. No acto debateuse sobre os principais temas que afectan aos galegas e galegas e que tamén foron trasladados polo BNG ao Congreso dos Deputados nunha defensa “coherente e insubornábel” que a formación mantén sobre os intereses da Galiza e a clase traballadora.

“O BNG é a única forza que traballa realmente por mudar o presente de crise, emigración, espolio e incerteza, por un futuro de progreso e benestar para todos os galegos e galegas. Para iso precisamos unha Galiza que tome conta do seu futuro nas propias mans, e o nacionalismo é, hoxe por hoxe, a forza que impulsa un País novo, unha Galiza con capacidade para decidir, isto é, con soberanía para pór todos os nosos recursos ao servizo do desenvolvemento social e económico da nosa terra” salientou Néstor Rego na súa intervención. 

Neste sentido, Rego chamou toda a militancia do BNG a activarse e todas as persoas que queren que esa mudanza se produza a se incorporaren ao traballo na frente nacionalista e particularmente a participaren na mobilización do Día da Patria e na resposta social que é preciso dar ás políticas que prexudican os intereses da Galiza, desde a ofensiva de espolio eólico, á crise industrial e aos novos recortes sociais que xa se anuncian, por exemplo, nas pensións. 

O deputado nacionalista destacou tamén a importancia de que os galegos e as galegas teñamos unha voz propia e soberana en Madrid para defender os intereses do noso pobo, unha voz que só pode ser a do Bloque nacionalista Galego desde a constatación de que a representación das forzas de ámbito estatal prefire acatar submisamente o que decidan as súas direccións en Madrid mesmo cando iso prexudica os nosos intereses. “Aquí en Betanzos, demandamos a elaboración e a construción dun baypass, imprescindíbel para a modernización da liña A Coruña-Ferrol e para a mellora da interconexión de vilas e cidades. Apostamos polo transporte ferroviario por ser sustentábel co medio ambiente e que favorecería o desenvolvemento da Galiza” subliña Rego mentres lembra a oposición do BNG frente os plans do executivo estatal de implantar peaxes nas autovías.

Sen esquecer, tampouco, a loita pola transferencia da titularidade da autoestrada AP-9 ou a rebaixa nas súas portaxes, pois o BNG seguirá a traballar para “conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”. Hai un mes, explica Rego, “solicitábamos conxuntamente o levantamento do tramo da AP-9 polas obras de Sol y Mar que provocaban moito caos no tráfico nas comarcas da Coruña e As Mariñas mais o Goberno continúa a non escoitar todas as solucións que ofrecemos”.

Neste sentido, o deputado lembra as iniciativas rexistradas na cámara baixa para defender os intereses da veciñanza de Betanzos. Lembra a necesidade de que o Ministerio de Seguranza Social traspase o vello Ambulatorio para que o Concello poida prestar servizos sociais de calidade ante a falta de infraestruturas. “Un edificio como este, que está desaproveitado, podería converterse nun Centro de día para as persoas de Betanzos como de toda a comarca” subliña.

Por outra banda, destaca a necesidade de garantir unha seguranza viaria propia do século XXI. “Xa non só en Betanzos, senón en localidades como Bergondo ou Coirós, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten que levar a cabo actuacións urxentes para a mellora da seguranza vial na N-VI” enfatiza Rego. 

Néstor Rego: “reforzar o BNG é reforzar os intereses dos galegos e galegas”