Emendamos as contas da Xunta para investir en rexenerar a ría e crear un centro de transformación agropecuaria

novo consello das mariñas
Consello comarcal do BNG das Mariñas

As nacionalistas propoñen investir nun viveiro de empresas, un centro de transformación agropecuaria e eliminar o impacto de especies invasoras e verquidos á ría. O BNG pide 450 000 euros para mellorar o servizo de pediatría na comarca e as prestacións do centro de especialidades de Betanzos. Un centro de día e un xeriátrico públicos e fondos para o Casco Histórico e o Pasatempo, outras demandas.

Emendamos as contas da Xunta para investir en rexenerar a ría e crear un centro de transformación agropecuaria

Betanzos, 20 de novembro de 2018. O BNG presentou as súas emendas á proposta de orzamentos da Xunta de Galiza para a comarca das Mariñas. “Presentamos emendas para esixirlle á Xunta do PP que poña solución a problemas que historicamente vimos sufrindo na nosa comarca, como a falta de saneamento que provoca a deficiente calidade da auga na ría, que incluímos nunha emenda para un plan de obras hidráulicas de abastecemento de auga e depuración para o que pedimos 25 000 000 de euros en total”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.

Pedimos de novo orzamento para rehabilitar o edificio do antigo LIGAL en Bos, en Bergondo, que está nunha situación de abandono e mesmo risco para as persoas lamentábel para un edificio público, propiedade da propia Xunta de Galiza" explica. "Despois de varios anos anunciando o traslado da sede do consorcio das Mariñas para este edificio sen que se fixese nada ao respecto, insistimos en que a ubicación na entrada do polígono de Bergondo sería ideal para un viveiro de empresas”, explicou.

Pedimos tamén que se valore a instalación dun centro de transformación agropecuaria para apoio dos produtores da comarca que poida axudar a incrementar o valor engadido dos produtos e a distribución axudando aos sectores produtivos e polo tanto ao autoemprego e contribuíndo a fixar poboación no rural da comarca”, engadiu Cristina López. Para completar estas actuacións, no BNG propoñen levar adiante un Plan de eliminación de especies invasoras para garantir a capacidade produtiva do sector agrícola e forestal, para atallar os problemas creados por especies como o “plumacho” as acacias ou as velutinas.

Mellora do servizo de pediatría e dos centros de saúde da comarca

As emendas presentadas polo BNG buscan tamén acabar coas deficiencias do servizo de pediatría. "Hai concellos que non contan con persoal para este servizo como Coirós, Aranga ou Irixoa, e outros que teñen un só pediatra compartido para varios concellos como Miño e Paderne ou Abegondo con Oza e Cesuras, ademais das carencias que ten o centro de saúde de Betanzos neste sentido" explica a responsábel comarcal do BNG. "Pedimos 350 000 euros máis para mellorar o servizo de pediatría, contratando persoal e mellorando a asistencia" explica. Reclamamos tamén que se contrate persoal para cubrir as baixas e vacacións no centro de especialidades de Betanzos, do que depende toda a nosa comarca, para o que pedimos 100 000 euros”, indicou Cristina López. 

Segregar o aulario para ter un novo colexio comarcal e un centro de día comarcal

No ámbito educativo, as emendas do BNG propoñen destinar fondos para convertir en centro independente do CEIP Vales Villamarín o aulario do Carregal. A iniciativa afecta aos concellos de Betanzos, Coirós e Paderne. Ademais, solicítanse cartos para construír unha nova escola infantil nas inmediacións do polígono de Bergondo, así como melloras no CEIP da Castellana en Aranga. 
O BNG presenta emendas moi importantes que afectan a un ou varios concellos, como abrir un centro de día comarcal no antigo ambulatorio de Betanzos ou un xeriátrico público no antigo sanatorio de Cesuras, "promesa do PP hai máis de 6 anos na fusión de concellos da que nunca máis volvemos saber" ironiza Cristina López.

Investimento no patrimonio histórico artístico de Betanzos

O BNG pretende garantir coas súas emendas o orzamento necesario para a rehabilitación do Casco Histórico de Betanzos. "Queremos que apareza reflexado nos orzamentos o acordo para a posta en valor do Parque do Pasatempo que acadamos hai 2 semanas con todos os grupos no Parlamento de Galiza", explica a dirixente nacionalista. "Por iso pedimos cando menos 600 000 euros, que é a mesma cantidade que a Deputación ten reservada para intervir no Pasatempo" conclúe.

Emendamos as contas da Xunta para investir en rexenerar a ría e crear un centro de transformación agropecuaria