BNG reclama ao Ministerio de Transportes a construción do bai-pass en Betanzos

Néstor Rego
Néstor Rego
A formación nacionalista volve exixir que se realice o proxecto da variante de Betanzos e apostar polo transporte ferroviario que conecte as cidades da Galiza
BNG reclama ao Ministerio de Transportes a construción do bai-pass en Betanzos

Madrid, 23 de marzo de 2021. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana incluír a variante ferroviaria de Betanzos entre as accións urxentes que se deben acometer. A formación nacionalista exixe que se melloren as conexións ferroviarias do Eixo Atlántico tanto para o transporte de viaxeiros como o de mercadorías, así como artellar un sistema de proximidade que permita conectar os principais núcleos de poboación da Galiza.

O Eixo Atlántico, no seu deseño inicial, comprendía todo o itinerario ferroviario entre Ferrol e Tui mai a liña ferroviaria que conecta Ferrol coa Coruña fico excluída do deseño. Cando se aprobaban os diferentes deseños ferroviarios, a asignación  sempre era escasa e insuficiente. Incluso nos Orzamentos de 2021 a formación nacionalista presentou unha emenda parcial para dotar dunha partida específica ao baipass de Betanzos, posto que só existía unha partida de 128.000 euros e era “claramente insuficiente”. Segundo os cálculos dos expertos, a obra suporía entre 20 e 40 millóns de euros. 

Ao seren rexeitada esta emenda por parte dos partidos que conforman o goberno estatal, a formación nacionalista volve a lembrar a necesidade de construír a variante de Betanzos xa que “melloraría a conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol e permitiría reducir considerabelmente o tempo de viaxe polo Eixo A Coruña-Betanzos-Ferrol”.

Por este motivo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe a o Ministerio de Transportes que rectifique e inclúa, dentro das súas prioridades, a variante ferroviaria de Betanzos. “Na actualidade os trens que cobren este trazado teñen que achegarse á estación de Betanzos-Infesta para dar volta e continuar cara a Betanzos-Ciudad e Ferrol, un rodeo supón máis tempo e que con esta actuación evitaríase. Agora, a viaxe en tren entre A Coruña e Ferrol leva 1 hora e cuarto, cando por estrada faise en 40 minutos” recrimina Rego.

Alén do máis, a formación nacionalista defende a conexión ferroviaria de proximidade entre os principais núcleos poboacións da Galiza, como as cidades, e sinalan que agora mesmo “é inexistente” este tipo de conexións. “O obxectivo é mellorar a conexión ferroviaria, reducindo o tempo de viaxe e beneficiando, así, o transporte de viaxeiros e o de mercadorías” saliente Rego. Así mesmo, lembra que un dos compromisos da Axenda 2030 é “a aposta polo transporte ferroviario, como opción máis sostíbel e que axuda á redución de emisión de gases de efecto invernadoiro”.

BNG reclama ao Ministerio de Transportes a construción do bai-pass en Betanzos