O BNG pediu na minicentral da Castellana a recuperación para a xestión pública das minicentrais en trámite de extinción das concesións

Acto reivindicativo na minicentral da Castellana
Acto reivindicativo na minicentral da Castellana

“Esta minicentral xunto con outras como a do Zarzo, a de Güimil ou a de Fervenzas están en tramite de extinción da concesión e desde o BNG reclamamos que se extingan estas concesións e se aposte pola xestión pública ou pola súa eliminación nos casos en que o impacto ambiental así o aconselle”

“A gran maioría das centrais hidroeléctricas foron construídas hai xa décadas, sendo investimentos que están sobradamente amortizados converténdose en máquinas de xerar beneficios grazas a decisións políticas discrecionais e ao uso privado que realizan dun ben público como é a auga”

O BNG pediu na minicentral da Castellana a recuperación para a xestión pública das minicentrais en trámite de extinción das concesións

Aranga, 19 de marzo de 2021. O BNG celebrou esta mañá un acto reivindicativo na minicentral da Castellana, no Río Mandeo, entre os concellos de Curtis e Aranga. “Esta minicentral xunto con outras como a do Zarzo, a de Güimil ou a de Fervenzas están en tramite de extinción da concesión e desde o BNG reclamamos que se extingan estas concesións e se aposte pola xestión pública ou pola súa eliminación nos casos en que o impacto ambiental así o aconselle”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. 

“Pedimos á Xunta de Galiza que recupere a xestión pública destas centrais, como esta da Castellana, como parte dun deseño enerxético propio pensado para garantir os dereitos das galegas e galegos e reverter a situación actual na que o noso País subministra enerxía ao centro do Estado sen que nin Galiza nin as propias zonas afectadas obteñan compensación ou beneficio de ningún tipo”, explicou a deputada nacionalista, Mercedes Queixas. 

“Este deseño enerxético estaría enfocado a ter unha estratexia enerxética propia, orientada a un aproveitamento endóxeno dos nosos recursos enerxéticos que posibiliten o crecemento económico en sentido amplo, e supoña progreso social estreitando o vinculo entre enerxía e sociedade. Ademais nos casos de centrais nas que o seu impacto ambiental aconselle a súa eliminación a extinción das concesións e a recuperación da xestión pública sería un paso previo indispensábel xa que é obvio que non se poden eliminar estes saltos de auga mentres se manteña a súa concesión nas mans de empresas privadas”, engadiu o deputado do BNG, Mini Rivas.

“As compañías eléctricas explotan na Galiza a maior parte das centrais hidráulicas existentes e fano a través de concesións con duracións que, na actualidade e nalgún caso, poderían superar os 160 anos. A gran maioría das centrais hidroeléctricas foron construídas hai xa décadas, sendo investimentos que están sobradamente amortizados converténdose en máquinas de xerar beneficios grazas a decisións políticas discrecionais e ao uso privado que realizan dun ben público como é a auga”, concluíu o deputado do BNG. 

Desde o BNG presentaron unha iniciativa neste sentido no Parlamento Galego, pedindo ademais que se paralice o proceso mentres non se garanta o acceso a información destes expedientes, que aínda estando en exposición pública non se poden consultar por vía telemática nin obter copia. Anunciaron tamén que trasladarán o tema aos Plenos dos concellos afectados. 
O BNG pediu na minicentral da Castellana a recuperación para a xestión pública das minicentrais en trámite de extinción das concesións