O BNG iniciou unha campaña para a recollida de sinaturas contra o novo modelo de tarifa eléctrica

Imaxe da recollida de sinaturas en Betanzos
Imaxe da recollida de sinaturas en Betanzos

O incremento nas tarifas por mor das últimas modificacións introducidas polo goberno Central fai que "o recibo da luz dunha familia se poida ver incrementado este mes ao redor dun 45%, é dicir, unha barbaridade"

O BNG iniciou unha campaña para a recollida de sinaturas contra o novo modelo de tarifa eléctrica

Betanzos, 28 de xuño de 2021.- O BNG iniciou unha campaña para a recollida de sinaturas contra o novo modelo de tarifa eléctrica que entrou en vigor este mesmo mes de xuño. Dentro desta campaña o BNG montou mesas informativas o pasado sábado en Betanzos e esta mesma mañá en Abegondo e anunciou novas mesas informativas noutros concellos das Mariñas. 

Na mesa informativa en Betanzos participou a deputada nacionalista Mercedes Queixas xunto coa portavoz do BNG local, Amelia Sánchez, e outros militantes e simpatizantes nacionalistas. Para Mercedes Queixas, "a situación que están a pasar as pequenas e medianas empresas e o conxunto de galegos e galegas é insoportábel".

No BNG, e tal e como afirmou Queixas, "mobilizámonos ante esta estafa permanente da enerxía eléctrica que non para de incrementarse, supondo un dos principais problemas para as galegas e galegos nun contexto ademais de crise económica e de moitos problemas para as economías familiares".

"Vemos como a política enerxética do PSOE no Estado é a mesma que a do PP", e engade, "dita política segue traballando ao servizo das grandes eléctricas e contra as maiorías sociais. A enerxía está considerada un ben co que poder especular en vez de como o que é, un dereito", criticou a deputada nacionalista. 

O incremento nas tarifas por mor das últimas modificacións introducidas polo goberno Central fai que "o recibo da luz dunha familia se poida ver incrementado este mes ao redor dun 45%, é dicir, unha barbaridade". Desde o BNG pretenden a través desta campaña concienciar da necesidade de entender á enerxía como un ben básico, polo que apelan a mudar o marco actual. 

Mocións nos concellos e iniciativa no Parlamento galego

Os nacionalistas avanzaron tamén que trasladarán ás diferentes institucións, nomeadamente o Parlamento galego e aos concellos. No Pleno que se celebrará mañá en Betanzos debaterase a iniciativa nacionalista que pide mudar o actual marco eléctrico xa que "a actual organización da factura está feita a medida das grandes empresas e para que estas poidan seguir amasando grandes beneficios".

Ademais solicitan unha corrección das últimas modificacións feitas na tarifa "polo goberno de PSOE e Podemos e que afecta moi negativamente ás familias e pequenas e medianas empresas". Así como unha tarifa eléctrica galega e unha empresa pública de enerxía “para planificar e xestionar os recursos enerxéticos do país e para garantir o acceso á enerxía en condicións razoábeis".

O BNG iniciou unha campaña para a recollida de sinaturas contra o novo modelo de tarifa eléctrica