O BNG fai un chamamento á cordura e urxe a convocatoria dunha asemblea xeral do Consorcio

Os nacionalistas non secundarán iniciativas disgregadoras e esixen ao Concello da Coruña e á Xunta implicárense na creación dunha verdadeira área metropolitana

O BNG fai un chamamento á cordura e urxe a convocatoria dunha asemblea xeral do Consorcio

A Coruña, 30 de xaneiro de 2021. Ante as novas que anuncian unha posíbel nova división entre os concellos integrantes do Consorcio das Mariñas, o BNG acordou non secundar a formación de ningún ente supramunicipal que afonde na división existente na comarca. Os nacionalistas fan un chamamento á cordura e ao sentido común e lanzan a proposta de convocar unha asemblea xeral do Consorcio, igual á celebrada o pasado outono, coa presenza do conxunto de edís dos municipios integrantes, dando voz e voto á totalidade das forzas políticas refrendadas polos cidadáns e cidadás, e non unicamente aos alcaldes.

O BNG lembra que é a forza política que máis leva apostado historicamente pola creación dunha Área Metropolitana para A Coruña e comarca, fuxindo de solucións provisorias e administracións paralelas, carentes de control democrático, transparencia e participación. Para o BNG, resulta inaprazábel que A Coruña deixe de dar as costas á súa comarca e se implique, exercendo o seu liderado, no proceso de integración comarcal. A maiores, a formación nacionalista lembra que a Xunta de Galiza ten competencias plenas na ordenación territorial do país, mais o goberno do Partido Popular é incapaz de avanzar na tan prometida comarcalización, ao tempo que non move un papel para crear a Área Metropolitana coruñesa, mentres ampara a postura isolacionista do alcalde de Arteixo.

Para o BNG, a creación dunha área metropolitana coa participación da Coruña (e de Arteixo) e na que se integren os concellos que libremente así o decidan xeraría unha realidade administrativa cun enorme potencial poboacional, económico e social, permitindo facer unha mellor e maior xestión dos servizos públicos, o que favorecería a súa extensión ao conxunto da poboación e abarataría os seus custos. Todo isto, sen menoscabo de que calquera concello, como Betanzos ou Cerceda, poidan a maiores mancomunar servizos cos concellos das súas comarcas naturais.

Por iso, iniciativas parciais e divisorias non teñen – a xuízo dos nacionalistas – razón de ser, e obedecen (tanto nun lado como no outro) a posturas personalistas que, nos máis dos casos, agochan loitas polo poder e polo control dos recursos públicos. É por iso que o BNG en modo algún secundará aventuras excluíntes que afondan nunha división incomprensíbel para a cidadanía, que agarda dos seus representantes públicos unha defensa dos intereses xerais que sexa construtiva, rigorosa e coherente. O BNG pregúntase onde deixou o sindicato de alcaldes os ideais que a comezos de século guiaron, coa participación nacionalista, a constitución do actual Consorcio: “servir con obxectividade os intereses públicos conforme aos principios de eficacia e servizo aos cidadáns”, como rezan os vixentes estatutos.

O BNG fai un chamamento á cordura e urxe a convocatoria dunha asemblea xeral do Consorcio