Lamentamos a aprobación dun novo crédito por outros 7 millóns de euros para facer fronte aos pagos de FADESA

ba6e41fc-31de-4431-90cb-6bfeeb6edd29

“Non lle pedimos ao goberno dos socialistas de Miño nin máis nin menos que o que defenderon dende a oposición, nunha moción levada a pleno por eles o 19 de abril do 2016: pedir con carácter de urxencia responsabilidades á Xunta, que propiciou, permitiu e aprobou o desenvolvemento de este macroproxecto urbanístico”

Lamentamos a aprobación dun novo crédito por outros 7 millóns de euros para facer fronte aos pagos de FADESA

Miño, 21 de outubro de 2019. O BNG lamentou a aprobación polo Pleno da solicitude dun novo crédito por outros 7 millóns de euros para facer fronte aos pagos de FADESA, mentres as persoas responsábeis seguen sen facerse cargo da súa responsabilidade. “Dende o BNG lamentaron a aprobación por unanimidade no pleno do pasado 12 de setembro, da petición dun terceiro crédito por importe de sete millóns de euros ao mal chamado ‘Fondo de Impulso Económico’ para saldar a descomunal débeda de Fadesa, sumando un total de 20,6 millóns de euros en créditos polo pago aos expropiados”, indicou o portavoz nacionalista Henrique Abraira. “Unha débeda privada que se converte en pública pola neglixencia e irresponsabilidade dos diferentes gobernos do PP, que traballaron dende o inicio en total conivencia con Fadesa”.

“Dende a redacción dun plan xeral de ordenación urbana á súa medida, pasando por optar pola vía da expropiación forzosa para un campo de golf e unha macrourbanización (obviando que ditos proxectos non responden ao interese xeral, de feito, é un caso único en Galiza no que se optou pola expropiación forzosa para unha urbanización de vivendas privada), até non esixir os avais no ano 2011 cando lle readxudicaron a urbanización”, engadiu o portavoz do BNG.

“Tamén valoramos negativamente a decisión do goberno municipal de aumentar o período de carencia e alongar o prazo de pago dos dous primeiros créditos, nada menos que ata o ano 2039. Aprazar o inicio dos pagos ata o ano 2022 parece unha medida adoptada co único fin de garantir un mandato municipal cómodo e alongar o período de pago en dez anos non parece suficiente sumándolle un terceiro crédito”, explicou o portavoz nacionalista.

“Coas medidas anteriores e, tal e como fixeran os seus predecesores, o goberno de Miño segue en fuxida cara adiante co fin de evitar o problema político de carácter supramunicipal que a estafa de Fadesa supón”, criticou. “Non lle pedimos ao goberno dos socialistas de Miño nin máis nin menos que o que defenderon dende a oposición, nunha moción levada a pleno por eles o 19 de abril do 2016: pedir con carácter de urxencia responsabilidades á Xunta, que propiciou, permitiu e aprobou o desenvolvemento de este macroproxecto urbanístico”.

O goberno municipal do PSOE tamén debe esixir responsabilidades aos protagonistas desta gran estafa. “A negación da situación e as súas mentiras embarcaron ao Concello de Miño en máis de dez anos de litixios, todos perdidos, que só serviron para incrementar a débeda en máis de oito millóns de euros e aprazar o inevitábel”, engadiu Henrique Abraira. “É intolerábel a impunidade da que gozan. Nós non temos que pagar os pratos rotos da especulación urbanística”, concluíu. 

 
Lamentamos a aprobación dun novo crédito por outros 7 millóns de euros para facer fronte aos pagos de FADESA