O BNG denuncia o abandono da biblioteca donada por Antón Crestar a Miño

 Olalla Barro, voceira do BNG-AA en Miño, denunciou o estado en que o Concello de Miño mantén a biblioteca donada por Antón Crestar Faraldo ao municipio.

O BNG denuncia o abandono da biblioteca donada por Antón Crestar a Miño

Miño, 24 de outubro de 2015. Olalla Barro, voceira do BNG-AA en Miño, denunciou o estado en que o Concello de Miño mantén a biblioteca donada por Antón Crestar Faraldo ao municipio. “É unha falta de consideración co legado e a xenerosidade dun veciño tan senlleiro coma este que esta biblioteca estea no abandono”, cuestionou Barro. “Falamos dunha colección moi valiosa, con edicións orixinais de obras de Otero Pedrayo e outras figuras fundamentais da nosa literatura”, engadiu.

Esta denuncia tivo lugar na tarde de onte, na clausura do ciclo “O Miño rebelde” organizado polas nacionalistas. A palestra de onte, dedicada a Crestar Faraldo, compleméntase coa dedicada á mestra María Vázquez ao unir a represión co exilio. Crestar Faraldo foi fundador da Casa de Galiza de Montevideo, da Irmandade Galega, do xornal Galicia, do Patronato da Cultura Galega ou da emisión radiofónica Sempre en Galiza. “Antón Crestar foi un mestre de galeguismo, un activista incansábel polo idioma e a cultura galegas, un patriota cun compromiso inquebrantábel coas ideas de Castelao e Bóveda, un extraordinario escultor que soñou coa liberdade e o progreso da Galiza” explicaron Barro e Uxío Breogán.

Uxío Breogán Dieguez presentou a súa última obra, “Nacionalismo galego aquén e alén mar”

Este último presentou a súa última obra, “Nacionalismo galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975)” e repasou a traxectoria do exilio galego até 1944 e a grande organización societaria da emigración e o compromiso coa causa galega de empresarios como Manuel Ponte ou Xesús Canabal e persoeiros coma o propio Antón Crestar.

Como colofón a este ciclo o BNG de Miño publicou nas redes sociais unha escolma fotográfica da obra escultórica de Antón Crestar Faraldo. As fotografías foron achegadas por Xesús Gómez Miño, que remarcou que unha das obras de Crestar Faraldo mereceu o Premio Nacional de Escultura de Uruguai.

O BNG denuncia o abandono da biblioteca donada por Antón Crestar a Miño