Encontro en Queirís sobre seguridade viaria na N VI

cartaz encontro Queirís

“Trasladamos a Pleno a iniciativa para pedir ao Estado un carril de deceleración na entrada ao Mende, mais o PP votou en contra impedindo que se aprobara porque non tiñan coñecemento de que houbera problemas nese cruce”

Encontro en Queirís sobre seguridade viaria na N VI

Coirós, 15 de novembro de 2017. O BNG celebrará o vindeiro venres día 17 ás 20:30 h. no local social de Queirís un encontro coa veciñanza para falar da seguridade viaria na N VI. “Trasladamos a Pleno a iniciativa para pedir ao Estado un carril de deceleración na entrada ao Mende, mais o PP votou en contra impedindo que se aprobara porque non tiñan coñecemento de que houbera problemas nese cruce, segundo dixo textualmente o alcalde”, explicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño.

As nacionalistas queren reunirse coa veciñanza para explicar as súas iniciativas con respecto á seguridade viaria na N VI, en xeral, e concretamente no que se refire a este punto negro que é o cruce de Queirís.

“Desde o BNG presentamos emendas aos orzamentos do Estado para incluír unha partida para mellorar a seguridade neste cruce mais sempre o Partido Popular negouse a apoialas. Neste momento a situación é aínda peor porque desde que o BNG non ten representación no Estado ningún grupo de preocupa de trasladar esta situación e, polo tanto, a solución cada vez está máis lonxe”.

“O problema xa parte desde o inicio, dunha situación surrealista como que da seguridade viaria nun cruce de Coirós decidan nun despacho en Madrid onde non saben nin onde queda Queirís. Se puidésemos decidir aquí sobre este tema a solución sería moito máis sinxela”, concluíu a portavoz do BNG, convidando a toda a veciñanza a asistir ao encontro para acordar que facer a partir de agora para conseguir melloras na seguridade viaria.

Encontro en Queirís sobre seguridade viaria na N VI