Coirós pode quedar fora da area de transporte de Galiza por culpa da inoperancia do goberno local

O BNG de Coirós recrimínalle ao Alcalde a súa ineficacia para que Coirós se beneficie das bonificacións no prezo dos billetes do autobús

Coirós pode quedar fora da area de transporte de Galiza por culpa da inoperancia do goberno local

Coirós, 19 de Febreiro de 2021. O BNG afeoulle ao Alcalde de Coirós non ter realizado ante a Xunta de Galiza os trámites necesarios e obrigatorios para que as veciñas e veciños poidan beneficiarse dos descontos e bonificacións nos billetes de autobús contemplados na creación da chamada Área de Transporte de Galiza.

Explican desde o BNG que se dirixiron ao Alcalde para que facilitase información sobre os trámites realizados ante a publicación no DOG o pasado 13 de novembro de 2020 do anuncio da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galiza da información pública sobre a Área de Transporte de Galiza. “Os Concellos deberían adherírense amosando o seu interese para que, posteriormente, poida valorarse a sinatura dun convenio bilateral para a bonificación das viaxes de transporte público” indica Pura Ferreño.

“Neste proceso de información pública os Concellos tiñan até o 14 de decembro para adherírense” sinalou a voceira nacionalista. “A día de hoxe o Alcalde non foi quen de facilitarnos documentación algunha que acredite que fixo algún destes trámites obrigatorios, e tampouco de darnos unha explicación verbal sobre o tema” apuntan desde o BNG. 

As nacionalistas chaman a atención sobre este feito “que constituiría unha neglixencia máis por parte do Alcalde e o goberno municipal do PP, e que afecta gravemente á veciñanza de Coirós pois non vai poder beneficiarse dos descontos e bonificacións no billete dos autobuses que contempla a inclusión nesta Área de Transporte de Galiza” sinala Ferreño.

“Exixímoslle ao goberno local que se poña a traballar para corrixir esta situación que tanto prexudica á veciñanza de Coirós” concluíron desde o BNG. 
Coirós pode quedar fora da area de transporte de Galiza por culpa da inoperancia do goberno local